4.1.12

O "talentum" hai que pagalo

O pasado 28 de decembro a Dirección do Banco convocou á representación sindical a unha reunión, a primeira despois das ameazas de despedimentos forzosos a través dun ERE. A CIG mantivo nesa reunión unha actitude combativa (o que sen dúbida contrastou co servilismo dos sindicatos que asinan ERE’s e cobran subvencións opacas da empresa). Con posterioridade, o mesmo 28 de decembro houbo un ágape ao que a CIG non asistiu. Estamos para traballar, non para COMPADREAR coa Dirección. Nesa mesma reunión, o Presidente convidou a CIG a manter unha nova reunión de traballo que tivo lugar o 2 xaneiro.

Hai que lembrar que a lexislación establece un período de consultas obrigatorio coa representación sindical cando unha empresa promove un ERE. Polo tanto, a Dirección de Novagalicia banco pretende abrir ese período. Non é ningún logro, pretenden deixar sen emprego a 300/350 inocentes.

En relación a posible desaparición da paga de marzo, malia que non compartimos a interpretación que fai a empresa, non é menos certo que, incluso con esa interpretación restritiva, a paga estaría garantida para unha gran parte do cadro de persoal. Hai acordos colectivos (a quen procede de bancos, da caixa rural, etc) e individuais, que blindan esa paga. Estaríamos pois ante unha medida controvertida e que non sería universal. O día 4 de xaneiro cobramos 1 paga e media; é rechamante que a paga e media que deberíamos cobrar o 4 de xaneiro de 2013 comezaremos a cobrala dende este xaneiro prorrateada nas pagas mensuais. A empresa pretende que, malia que poda quitar a paga de marzo, non suframos unha diminución na retribución anual, adiantando o cobro da paga e media de 2013, unha manobra sucia que ademais terá consecuencias fiscais. Pero, con todo, moito nos tememos que a preservación da paga de marzo, será unha xustificación para que algúns rematen asinando un novo ERE.

En canto á reunión do 2 de xaneiro, tivo lugar despois de coñecer individualizados os salarios dos altos directivos e as novas blindaxes, polo que lle solicitamos formalmente ao Presidente unha rebaixa dos mesmos (que ningún directivo cobre máis de 5 veces o salario medio na empresa); reclamamos AUSTERIDADE. A contestación foi negativa: “el talento hay que pagarlo”, frase que xa escoitáramos na boca dun ex-directivo. Entendemos que o Presidente defenda o salario do seu grupo; na mesma medida, agardamos que entenda a encarnizada defensa que realizaremos de todos e cada un dos postos de traballo e dos nosos salarios.

Pedimos tamén que se aclare en que condicións se produciu a saída “amigable” dunha Directiva, “amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale” aquí a amizade tradúcese en blindaxes. A resposta: marchou coa indemnización de 45 días (a indemnización de 45 días cun máximo 42 mensualidades daría unha cifra achegada a 1.800.000 euros).

Esiximos tamén o cese da Directora de Persoal, María Camino; a súa actuación en Caixa Galicia sempre foi motivo de conflito, representa a ala dura e amiga de medias unilaterais e carece do talante negociador necesario. A resposta foi negativa.

Rexeitamos tamén o método de cálculo herdado de Caixa Galicia para asignar persoal ás oficinas; con ese método sempre “sobraba” persoal nas oficinas malia a sobrecarga de traballo. Nesta empresa hai traballo de abondo para todos/as, como demostran as colas ou a extensión da xornada, aquí non sobra ninguén. Ou si: sobran altos directivos vinculados á xestión anterior e burócratas que perseguen comercialmente aos traballadores/as.

Cada vez que puxemos na mesa a realidade laboral (presión, falta de persoal, etc.) a contestación foi que precisan tempo; desgraciadamente, están construíndo un banco cos mesmos vimbios que arruinaron 2 caixas por separado e 1 conxuntamente; o tempo non é o remedio, algún son capaces de afundir un banco en dous días.

Con todo, moito nos tememos que hai unha decisión política de entregar o banco a unha gran entidade (Santander, BBVA ou Caixabank) a prezo de saldo e que, previamente, asistiremos a unha dura reestruturación para evitar conflitos laborais ao futuro “Botín” de turno, que aparecerá como “salvador”. É por iso que solicitaremos da CNMV que se habilite a entrada voluntaria dos traballadores/as como investidores e reclamamos que a Xunta de Galicia, parte do problema, entre no capital para ser parte da solución.

Por último, lembrar que co importe das indemnizacións, blindaxes e salarios que cobraron e cobran as persoas que afundiron a empresa, podería afrontarse perfectamente un plan de prexubilacións para máis de 350 persoas. Eles son os culpables e estamos orgullosos de telos denunciado ante a Fiscalía Anticorrupción.

1 comentário:

BBVA-Medios de pago disse...

O do Talentum é cojonudo. Os Gregos chamaban TÄLANTON ao prato da balanza e, por extensión, tamén as cantidades de metais preciosos que colocaban para ser pesados.Vaille mellor a segunda parte que a primeira xa que estes non teñen prato, teñen un pote cada un deles.
De seis mil empregados ningún ten ese talento que dí, por iso rebaixan os salarios dos traballadores e traballadoras.