30.11.11

A Asemblea convoca concentracións

O pasado día 29 de novembro celebramos a primeira das asembleas previstas, que tivo lugar en Vigo. Decidimos conxuntamente co persoal poñer en marcha unha campaña que inclúe mobilizacións, para facer fronte ás ameazas de despedimentos e aos traslados opacos que perseguen que marchemos con baixas incentivadas.

A Dirección da empresa anunciou nos medios de comunicación e na propia Convención do sábado 26 que haberá 350 despedimentos; ou o persoal se adhire “voluntariamente” ás baixas incentivadas ou serán despedimentos obrigatorios. Despois din que lle preocupa a “imaxe” que damos nos medios, en fin...

Non é a primeira vez que no noso sector hai un ERE con despedimentos obrigatorios, o caso de Cajasur foi o primeiro cun ERE obrigatorio para 151 persoas asinado por CCOO-UGT-ASPROMONTE (aquí chámase ASCA). O persoal afectado, sen o apoio dos sindicatos, aínda litigan contra a súa antiga empresa. (Espazo afectados en internet http://erearbitrariocajasur.blogspot.com/)

Xefes de Zona de diversas partes de Galiza están aguilloando ao persoal para que asuma traslados, horas extras sen límite, etc., falando da existencia dunha LISTA NEGRA de traballadores/as a despedir que xa está sendo elaborada. A existencia de horas extras pode ser un motivo para tombar o ERE, e ante esas arroutadas, a CIG xa ten preparadas denuncias para interpoñer nas Inspeccións de Traballo contra determinados centros con dotación de persoal insuficiente, nos que acotío se estende ilegalmente a xornada laboral. Neste senso pedimos a vosa colaboración: se na vosa oficina ou nas do voso entorno se estende a xornada, facédenolo saber de xeito anónimo.

A Dirección debería aclarar os criterios utilizados para os traslados masivos de persoal, xa que o perfil de moitas das persoas elixidas, insta a pensar que se trata dunha persecución co fin de que collan baixas incentivadas. Nomeadamente naqueles casos que implican grandes distancias.

En todo caso, onte a asemblea aprobou a recollida de sinaturas e a convocatoria dunha concentración de traballadores/as diante da central de Vigo. Así mesmo anunciamos que se hai despedimentos masivos, como dixo o Presidente, procederemos, en solitario ou en compañía de outros, á convocatoria de paros/folga para que participen as persoas que queiran defender o seu posto de traballo.

Non sabemos cal é o aforro que acadan con estes despedimentos, en todo caso a empresa entrará nun conflito laboral que terá repercusión e custes. Á Dirección corresponde valorar: estamos abertos á negociación, pero defenderemos os postos de traballo custe o que custe. Isto non é Cajasur, aquí está a CIG.

3 comentários:

Anónimo disse...

Gostaríame saber cal e a solución que aporta a CIG, xa que nunca tedes culpa de nada, porque non firmades nada, pero ¿cal e a solución?

Administrador disse...

O primeiro é que en calquera negociación se manteña a firmeza suficiente. Que non se asinen acordos lesivos sen esgotar a negociación ata o final.

Segundo cando se negocia a forza dos negociadores está no apoio dos traballadores/as,dándolles participación, non en confiar nos que temos en fronte por que Benito ou María son próximos e simpáticos.

Terceiro enlazando co primeiro, en calquera negociación na que estan en xogo os postos de traballo non debemos seguir as consignas que nos marcan os "listos" da nosa organización dende Madrid. Ás empresas hai que requerirlles que faciliten toda a información legal pertinente: que documentación entregaron para a ampliación do ERE? ningunha.

Cuarto hai que sentarse na mesa coas ideas claras do que se quere e do que queren os outros e procurar un punto de encontro. Non vale aceptar como punto de partida as "necesidades" da empresa.

Quinto: as negociacións hai que ir limpos, sen ataduras e non pensando en compensacións que só benefician á respectiva organización.

Sexto: Enlazando co segundo, un acordo que sexa lesivo para o persoal e que este rexeitaría na súa aplicación non debe ser asinado polos seus representantes.

É unha cuestión de método compañeiro/a, podería seguir, pero si queredes clases sindicais contratade a quen vos forme.

Anónimo disse...

Pois menos mal que o Conselleiro Delegado é un tal Bueno, que si chega a ser malo...