29.4.14

A CIG anuncia a presentación dunha querela criminal contra responsábeis das caixas pola emisión de preferentes


A CIG vén de anunciar a presentación dunha querela criminal, nesta mesma semana, contra un total de 79 persoas -xa identificadas-, sen prexuízo de que poida ampliarse a outras persoas e/ou organismos, pola comisión dos presuntos delitos de estafa, apropiación indebida, estafa de investidores, publicidade enganosa, falsidade de contas anuais, administración fraudulenta ou desleal, abuso de información privilexiada e maquinación para alterar o prezo das cousas pola emisión de preferentes e obrigas subordinadas. 

Entre outras están os exdirectivos das antigas caixas, Caixa Galicia e Caixanova, os directivos de Novagalicia banco e os membros dos Consellos de Administración das entidades. En concreto Suso Seixo, secretario xeral da CIG, sinalou que a querela interponse contra José Luís Méndez López, como ex Director Xeral da extinta Caixa de Aforros de Galiza (Caixa Galicia), Mauro Varela, ex Presidente do Consello de Administración da mesma caixa e contra os demais membros do Consello de Administración, comisión de control e comité de dirección da extinta Caixa de Aforros de Galiza (Caixa Galicia). Xunto a estes están Julio Fernández Gayoso, ex Presidente do Consello de administración da extinta Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra (Caixanova) e demais membros do consello de administración e comisión de control da mesma Caixa, ademais de José Luís Pego Alonso, na súa condición de ex Director Xeral e os membros do consello de administración e Director Xeral de NCG Banco, S.A e dos membros do Consello de Administración e Director Xeral de NCG Banco, SA. A querela tamén se interpón contra a caixa de aforros Novacaixagalicia e a entidade bancaria NCG Banco, S.A., como persoas xurídicas, “como encubridores e como receptadores” que se beneficiaron da dinámica que viña das caixas e que comeza no ano 2003. 

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical decidiu presentar esta querela pola dimensión do problema social e económico xerado e porque “son moitos miles de galegos e galegas afectados por esta estafa, entre eles moitos deles afiliados/as da CIG”. Seixo considerou que quen tiña que promover unha investigación e unha denuncia destas características “son aqueles que hoxe detentan o poder tanto na Xunta de Galiza como no goberno español e o propio PP. Porén non só non está a facer isto senón que mesmo están impedindo que se lles dea solución aos propios afectados pola emisión das preferentes”. A isto engadiu as consecuencias pola mala xestión de quen estaba á fronte das caixas, nomeadamente as consecuencias económicas. Unha mala xestión que “implicou que para rescatar a esas entidades tiveran que se pór 9.000 millóns do erario público. 9.000 millóns que non foron nin serán recuperados na vida, xa que foi vendida a un financeiro venezolano que o mercou por 1.000 millóns de euros, co que perdemos 8.000 millóns de euros nesa operación. Parécenos que temos a responsabilidade como organización social, como organización sindical, de non permitir que nun asunto que tivo tan graves consecuencias para miles de galegos e galegas, os responsábeis desta estafa se vaian de rositas, que non lles teña custe ningún o que fixeron. Iso foi o que nos animou a presentala”. 

Pola súa banda Xulio Vicente, que presenta a querela como afectado, xunto coa CIG, explicou que “é inevitábel” presentar esta querela “pola dignidade do pobo galego”. Denunciou que o goberno galego ten paralizada a comisión de investigación do parlamento e que, fronte a isto a quen se está a xulgar é aos preferentistas. Neste sentido lembrou que este martes ten un xuízo por mor dunha denuncia dun alcalde do PP e subliñou que as plataformas de afectados teñen máis de 20.000 euros en sancións impostas polo goberno galego. “En contrapartida”, dixo, “algúns dos que provocaron esta situación xa están colocados noutras entidades, vivindo ben e os que estamos sufrindo esta desgraza non tiñamos quen nos defendera e quen velara por nós”. Vicente denunciou o papel que están a xogar o Presidente da Xunta, o goberno galego e o español. “Estamos sendo tratados como delincuentes por xente relacionada co goberno e polo PP e seguimos pedindo explicacións ao presidente da Xunta para que nos diga por que pechou unha porta importante como fixo o PP de Madrid a semana pasada. O presidente da Xunta debe dar explicacións e debe dicir se está cos aforradores ou se está co PP e cos que nos estafaron”. 

Dignidade do persoal 

O secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, explicou que Galiza hoxe perdeu calquera entidade financeira de seu, cando antes tiña dúas e subliñou que, ademais, a perdeu nun proceso en que “o conxunto da sociedade sufriu e os traballadores/as tamén sufriron”. Centrouse no punto de vista laboral e denunciou que todas as saídas que se deron para a clientela poder recuperar os cartos foron a arbitraxe ou as demandas xudiciais. Saídas que, en ambos os casos, facían caer a responsabilidade das preferentes sobre as traballadoras e traballadores “facendo ver que foran os responsábeis”. Lembrou que isto fíxose sobre o conxunto dun cadro de persoal que ademais sufriu 6 Expedientes colectivos e por iso considerou que “é fundamental que sexa a xustiza quen aclare dunha vez quen son os responsábeis tanto da quebra das entidades, como da emisión das preferentes ou de como se comercializaron”. Xunto a isto asegurou que desde a CIG sempre se dixo que “non era cuestión dun traballador/a que actuara en solitario senón que se ve claramente que había unha estrutura organizada que foi a que comercializou preferentes con carácter masivo e esa estrutura non foi outra que as direccións de Caixa Galicia e Caixanova”. A isto engadiu que con esta querela reivindícase “a dignidade das traballadoras/es. Buscamos xustiza. Estamos falando duns casos que provocaron grande alarma social e porén nin o goberno da Xunta, nin o goberno central, nin o banco de España, nin a CNMV, nin a Comisión Europea, nin o FROB deron ningún paso para aclarar como ou por que se emitiron as preferentes e por que se lle colocaron á pequena clientela”.

 Estratexia organizada 

O avogado Guillermo Presas, xunto ao que estaba o tamén avogado Xan Díaz del Río, explicou que unha vez a querela sexa admitida a trámite solicitaranse toda unha serie de dilixencias de investigación para poder acreditar a existencia dunha “estratexia organizada e perfectamente pensada de comercialización de todo este tipo de produtos a persoas e a venda posterior no mercado secundario”. Presas asegurou que con estes produtos as entidades tiñan como obxectivo conseguir o financiamento que non podían acadar de ningunha outra maneira. Ademais explicou que se non se incluíu na querela á CNMV ou ao Banco de España é porque do que se trata é de centrar o obxectivo e procurar as máximas garantías de que sexa admitida a trámite. Sinalou que o plan de actuación foi deseñado polos equipos directivos e, polo tanto, polos directores xerais que son, en última instancia, os máximos responsábeis. O obxectivo, ao seu entender, era pór en marcha un plan de captación masiva dos aforros dos pequenos inversores, os clientes habituais, tradicionais das caixas de aforro. Afirmou que se utilizaron estes produtos financeiros, esencialmente as preferentes mais tamén as obrigas subordinadas, das que dixo que teñen “unha denominación confusa, que son extremadamente complexas e de difícil valoración por parte dos inversores, que están totalmente sesgadas a favor de que o emite. Un tipo de produtos que son totalmente inconvenientes para a xente á que foron dirixidas”. Explicou que houbo unha “comercialización indiscriminada”, aproveitando que existía unha regulación “defectuosa e insuficiente” tomando logo avantaxe precisamente de toda a información que tiñan sobre os potenciais clientes e utilizando a extensa rede comercial, que abrangue todo o país, e a relación de confianza e a credibilidade que tiñan entre os aforradores. Lembrou o momento da crise das subprime, no que “rebenta” porque precisaban evitar a quebra e, polo tato, “ocultan a súa situación, falsean as contas internas, manipulan a información xurídica e económica relevante” e denunciou que mesmo no ano 2009, con esta base, realizan tres emisións de participacións preferentes cando xa eran coñecedores de que era imposíbel dar cumprimento a aquilo que estaban facendo contratar ás e aos cidadáns. É aí cando, segundo o avogado, simulan un mercado inexistente entre eles para comprar e vender esas preferentes a prezos arbitrarios que “eles mesmos estabelecían e sen relación algunha co mercado, co obxectivo de dar apariencia de solidez cando o sistema xa non se sostiña”. Guillermo Presas considera que é difícil calcular unha pena por entender que poden existir, ou non, agravantes, porque hai “moito concurso delitivo”. En todo caso sinalou que non é este o momento de concretalo. Si adiantou que hai antecedentes que se utilizarán, como todas as sentenzas que se están gañando no 90% dos pleitos civís interpostos por este asunto e unha sentenza “importante”, de acción civil colectiva que presentou o fiscal, no que a entidade “allanouse”. Presas avanzou ademais que todas as persoas afectadas que o consideren oportuno, unha vez a querela sexa admitida, poderían adherirse sen ningún tipo de problema. “Hai que ter en conta que aquí non se fai ningún tipo de reclamación económica, a responsabilidade civil non é o noso interese, iso deixámolo para os afectados. Aquí unicamente se pide a responsabilidade penal”.

Sem comentários: