22.3.13

Quita das preferentes Comunicado da Representación da CIG en Novagalicia Banco



Mentres o Parlamento de Chipre votou en contra da quita aos aforradores/as como contrapartida polo “rescate bancario”, o Goberno Central aprobou, por Real Decreto, unha quita aos aforradores/as posuidores en contra da súa vontade de débeda subordinada. Ante esta situación a representación da CIG en Novagalicia Banco, quere deixar claro que está coa clientela, non cos verdugos.

Hoxe venres 22 de marzo do 2013, executarase o maior roubo “legal” aos pequenos aforradores da historia de Galiza: a quita aos afectados e afectadas pola comercialización en tramo minorista de débeda subordinada por parte de Caixanova e Caixa Galicia. Estamos ante unha quita inmoral do aforro de milleiros de traballadores e traballadoras, ante o que dende a CIG queremos expresar a nosa máis completa condena. Seguimos demandando que se lle devolva o 100% dos seus aforros.

É significativo que os executores deste “corralito”, aprobado pola maioría absoluta do Partido Popular, son destacadas persoas que no seu momento participaron directamente nas emisións de preferentes e obrigas subordinadas:

Luís de Guindos: Parte das emisións de débeda subordinada de Caixa Galicia, foron auditadas por PrincewaterhouseCoopers, que deu o visto bo a aquelas emisións (curiosamente esta empresa é agora quen decide no proceso de “arbitraxe”). O actual Ministro de Economía foi Directivo de PwC, empresa que deu o visto bo á emisión de preferentes.

Antonio Carrascosa: O actual Director Xeral do FROB, nomeado polo Goberno Central, era tamén Directivo de PrincewaterhouseCoopers xunto co actual Ministro. Curiosamente agora é o FROB, que el dirixe, quen decidirá a quita.

Fernando Restoy: As emisións foron autorizadas pola CNMV, Organismo do que formaba parte o actual Presidente do FROB, nomeado tamén polo Goberno.

Carlos González: Outras emisións de débeda foron auditadas por Deloitte; o actual integrante do Consello de Administración de Novagalicia Banco foi Presidente de Deloitte España.

Altos directivos das Caixas, pasados e presentes: Está sen investigar o papel de diversas persoas que formaban parte da alta Dirección de Caixa Galicia e Caixanova, os auténticos responsables da quebra das Entidades e da situación de insolvencia das mesmas que levou á súa nacionalización. Non só dos que están encausados na Audiencia Nacional, nin dos Consellos de Administración (que eran meras comparsas por decisión propia), senón das persoas que mandaban nas Caixas: as altas Direccións.

Algunhas persoas que formaron parte da alta Dirección das Caixas e que polo tanto estiveron directamente implicadas na emisión e comercialización indebida das preferentes, continúan na alta dirección de Novagalicia Banco.

Temos claro que cada persoa é responsable dos seus actos, tamén os traballadores e traballadoras, pero máis alá de responsabilidades individuais, colectivamente o cadro de persoal non é culpable.

Por último queremos amosar a nosa completa e absoluta solidariedade co conxunto dos afectados e afectadas, agardamos que consigan os seus obxectivos, que consideramos nosos.

Galiza, 22 de marzo de 2013

Sem comentários: