12.6.14

Presentada a querela pola emisión de participacións preferentes


Tal e como tiña anunciado, a CIG presentou hoxe na AN en Madrid unha querela criminal contra os ex-directivos das Caixas de Aforros Galegas (Caixa Galicia, Caixanova, Novacaixagalicia) e de NCG Banco S.A. (Novagalicia Banco) pola emisión de participacións preferentes. Esta querela non vai contra ningún traballador/a da Entidade.
 
Unha vez máis, o sindicalismo nacionalista e de clase ten que erguer a voz para reclamar xustiza, ante a complicidade dos Gobernos Centrais e Autonómicos e dos Organismos supervisores e de control (Banco de España, FROB).

Neste senso, é preciso lembrar que esta non é a primeira querela que presenta a CIG; con anterioridade presentou, xunto co sindicato vasco ELA, unha querela contra os Gobernos e o Banco de España, que foi arquivada.

A propia CIG tamén presentou no ano 2011 unha denuncia ante a Fiscalía Xeral do Estado, que deu traslado á Fiscalía Anticorrupción, contra os ex-directivos de Novacaixagalicia. Anticorrupción abriu daquelas unha investigación, presentando posteriormente unha querela polo cobro de indemnizacións multimillonarias.

Con esta querela, a CIG busca que se faga xustiza e que non quede impune a estafa piramidal das participacións preferentes, que afectou a milleiros de persoas en toda Galiza. Sen esquecer que a xestión dolosa da Entidade abriu o camiño para a privatización das Caixas de Aforros Galegas, e que foi preciso un rescate bancario multimillonario que xustificou durísimos recortes sociais e reformas laborais ou das pensións. Os procesos de fusión, rescate e privatización, tiveron ademais durísimas repercusións laborais.

Por último, dicir que esta querela non está dirixida contra traballadores e traballadoras da Entidade. Non denunciamos o proceso de comercialización individual, todo o contrario, a propia querela recolle as presións comerciais que padecemos habitualmente. Ademais, as sentenzas por denuncias da clientela (ou incluso de compañeiros e compañeiras afectados/as) demostran que nós tamén fomos vítimas dun engano masivo.

Si que esta querela pode rematar afectando a persoas da alta dirección que aínda forman parte do organigrama, na medida en que foron partícipes das decisións tomadas. Neste senso, CCOO e UGT deberían explicar a que intereses responden cando tratan de intoxicar sobre esta cuestión. Quizás algúns amosan a preocupación propia, xa que dirixentes sindicais formaron parte dos Órganos de Goberno e non teñen a conciencia tranquila. Cada quen saberá o que fixo.

Sem comentários: