Se a venda de oficinas ao Etcheverría reduce en 150 os despedimentos previstos e provisionados, propoñemos que este aforro, ou outros semellantes, sexan utilizados para implantar un novo proceso de prexubilacións, dende o convencemento de que sería positivo para a empresa e o persoal, proposta da CIG que foi apoiada por CGT e ASCA.
O 6 de xuño iniciamos a tramitación do que será o 5º expediente colectivo dende o ano 2010. A empresa pretende unha modificación substancial que afectaría a 150 persoas destinadas nas 66 oficinas que se venden ao Etcheverría. Alega que os salarios que perciben son superiores aos dese banco e que, polo tanto, a operación está condicionada por unha rebaixa media do 20% dos salarios. Esta rebaixa sería a través da desaparición dos complementos persoais e/ou funcionais.
A CIG solicitou coñecer a oferta realizada polo Banco Etcheverría que sustentaría a necesidade de reducir as condicións laborais do persoal afectado. Así mesmo, queremos coñecer o prego de condicións e as ofertas recibidas por estas oficinas, para asegurarnos de que se elixiu aquela que preserva un maior número de postos de traballo. Esta petición fixémola extensiva ao caso de UGAS, dado que a empresa confirmou que entre xuño e xullo agardan pechar a venda.
Solicitamos tamén unha garantía de emprego por parte do Etcheverría e malia que ao persoal se lle continuaría aplicando o actual convenio colectivo, demandamos unha proposta de transposición das categorías profesionais de caixas á banca (tal e como se fixo en procesos semellantes).
Ao mesmo tempo, e dado que entre as vendidas hai oficinas de apertura a tempo parcial, solicitamos que se amplíe o número deste tipo de oficinas en Galiza, para seguir dando cobertura á clientela no rural e seguir mantendo emprego.
Por outra parte hai un Expediente de Despedimentos Colectivos en vigor que xa contempla a posible venda de oficinas e unha modificación substancial das condicións de traballo, polo que o Expediente que se inicia é redundante e contrario a Lei. Ademais, sendo certo que o persoal do Etcheverría ten salarios medios menores, non podemos obviar que se trata de persoal con menos antigüidade e, polo tanto, con menos trienios e con categorías profesionais máis baixas (na banca hai ascenso por antigüidade ata asimilado a nivel VIII). As diferenzas salariais veñen dadas por carreiras profesionais máis longas do persoal de NCG Banco, son dereitos laborais, non privilexios.
Noutra orde de cousas, lamentamos as declaración na mesa dun delegado de CCOO antigo xefe de zona, malia que entendemos que as fixo a título particular. Dixo que a desaparición dos complementos no seu caso levaría a unha redución salarial do 55%, que afectaba máis a quen máis deu para levantar a empresa e que afectaba menos ao persoal administrativo que se “rascaba os h____s”. Solicitamos que rectificase a súa afirmación, pero ratificouse na mesma. Unha vez máis insistimos en que sobran nas mesas de negociación as persoas que van a defender o seu ben particular.
En definitiva, e dado que a empresa está disposta a negociar a redución do número de afectados/as de 1.850 a 1.700, queremos que o aforro en indemnizacións de despedimento xa orzamentadas e autorizadas se aplique para implantar un maior número de prexubilacións en Galiza. Neste senso a empresa quedou en dar contestación, na vindeira reunión o martes 11.
1 comentário:
Como é que non admitides insultos contra as persoas doutros sindicatos aqui tal e como fan eles no seu espazo en internet? sodes uns CENSURADORES.
Enviar um comentário