17.3.12

Suspensión de contratos; ineficaz e inutil

Desgraciadamente ao longo desta crise sistémica a CIG ten asinado ERE´s ( os nosos representantes na mesa son os que teñen maior experiencia na negociación de ERE´s en distintos sectores), non é o ERE en si, nin as medidas propostas, nin é unha cuestión de pureza sindical, simplemente as medidas deben ser proporcionais e axeitadas ao obxectivo.

Neste senso queremos centrarnos en varias cuestións:

As suspensións de contratos son unha interrupción temporal da relación laboral, a persoa percibe a prestación de desemprego, en moitos casos complementada polas empresas.

As suspensións de contratos serven para facer fronte á baixada da demanda, a modo de exemplo cando no sector do automoción prodúcense caídas na venda de coches as empresas instan EREs suspensivos. Unha das características do modelo laboral “toyotista” é o que denominan “just in time”, a produción baixo pedido, polo que a temporalidade na contratación e os ERE´s suspensivos son a saída do capital fronte a caída da demanda. 

Alguen imaxina a unha empresa do sector da automoción suspendendo contratos cando ten un incremento nas vendas?, iso é o que pretenden facer aquí.

No caso de novagalicia, non hai tal caída da demanda, a clientela sigue enchendo as oficinas, o número de operación/empregado medrou. Esta mesma semana nun encontro co persoal en Santiago o Presidente recoñecía que as colas son unha das maiores preocupacións. 

A figura da suspensións non se adapta ao problema que non é outro que o peche de oficinas non rendíbeis (algo que ninguén discutiu na mesa), non estamos ante unha caída puntual da demanda si non peches definitivos dos centros de traballo.

Analizando os datos económicos argumentados pola empresa, esta recoñece que a rede de oficinas de novagalicia banco non ten problemas económicos, aplicar aquí medidas deste tipo non está xustificado.

A suspensión de contratos é unha saída á desesperada que si chega a poñerse en práctica xerará problemas maiores, nomeadamente en novagalicia banco. Retirar persoal das oficinas en Galiza suspendendo contratos de xeito rotatorio levaría a unha perda maior de clientela e iso si que pode xerar un problema aquí, na parte rendible de ncg banco, a que hoxe por hoxe da de comer a todos e todas . “Socializar o sacrificio” é unha solemne estupidez económica, non se poden vender as rodas para mercar gasolina.

Pensamos que a Dirección é consciente do aquí exposto, pero que está gañando tempo. Haberá compañeiros afectados polos peches de oficina fora de Galiza que suspendan o seu contrato durante un ano e non terán un posto de traballo para volver, ese é o problema.

Temos motivos, firma a favor do referendo

Sem comentários: