16.2.12

A incerteza só beneficia á Dirección.

O 16 de febreiro estabamos convocados a unha nova reunión, á que a CIG non chegou coas mans baleiras. O día anterior, concentrámonos diante do Parlamento Galego, mantivemos as primeiras reunións a nivel político e elaboramos propostas concretas para minimizar o impacto do ERE. A Dirección dixo estar disposta a valorar algunhas medidas.

Á reunión do novo ERE chegamos despois de coñecer os novos requirimentos que dificultan, aínda máis, a existencia dun proxecto autónomo para Novagalicia Banco. O futuro da empresa non depende de aceptar despedimentos ou recortes salariais (malia que despedir e recortar vale tanto para seguir en solitario, coma se somos absorbidos).

Tal e como dixemos, estamos na negociación previa ao ERE prevista no Convenio. Din que a negociación é urxente, pero a Dirección propón a vindeira reunión para o 1 de marzo. Están interesados en manter a incerteza para seguir sumando “voluntarios/as” ao ERE anterior (van 100 persoas).

En relación aos SSCC-Vigo e A Coruña, expuxemos que queremos a recolocación do persoal “excedente” e fixemos varias propostas:

• Queremos coñecer o excedente en cada unha das cidades (Vigo, A Coruña e Madrid). Dixeron que o facilitarán nunha vindeira reunión.

• Queremos negociar os baremos utilizados para asignar persoal as oficinas. Pensamos que as oficinas de Galiza están infradotadas (hai contratos temporais, horas extras, sobrecarga de traballo, etc). Quedaron en facilitar a información na vindeira reunión.

• Queremos que se creen equipos de substitucións/volantes, para a cobertura de baixas, vacacións, etc. Por parte da empresa dixeron que valoran esta opción.

• Creación dun equipo comercial de apoio á rede, nas distintas campañas comerciais.

Estas propostas teñen como fin recolocar o excedente de SSCC-Galiza reducindo ao máximo o número de persoas afectadas (170-190 na actualidade).

Por último, continuamos apostando por un proceso de prexubilacións, para un número de persoas equivalente ao persoal de SSCC-Galiza non reubicable.

Redución Gastos. Non imos entrar en recortes salariais universais. Defendemos reducir as diferenzas salariais entre niveis e propuxemos flexibilizar as achegas ao plan de pensións (o plan de pensións é salario diferido, preferimos aprazar as achegas ao fondo antes que recortes no salario actual). Esta última medida foi ben acollida pola empresa.

En todo caso, máis alá da negociación, na que pensamos que debemos esforzarnos ao máximo para minimizar o impacto da proposta empresarial, é preciso continuar coa mobilización na defensa dos postos de traballo.

Neste senso xa mantivemos unha reunión con Henrique Vieitez e Carlos Aimerych do Grupo Parlamentar do BNG, na que se ofreceron para trasladar ao Parlamento distintas iniciativas. A raíz desas iniciativas o Presidente da Xunta de Galicia deberá comparecer novamente no Parlamento Galego. A Xunta foi parte do problema e debe implicarse no futuro da empresa. Nos vindeiros días continuaremos coas mobilizacións e agardamos ter novas reunións, a nivel municipal, para buscar apoios e implicación na defensa dos nosos postos de traballo.

1 comentário:

Anónimo disse...

Outros despreocúpanse do persoal dos SSCC, xa que só queren falar dos peches de oficinas fora. Facédes ben en tentar minimizar o impacto en SSCC, adíante coa CIG.