27.2.12

Impacto da Reforma laboral, da negociación colectiva e a Xurisdición social no sector financeiro

O Decretazo aprobado o 11 de febreiro polo Goberno do Partido Popular, racha o modelo de relacións laborais que coñecemos ata o momento. As decisións laborais que afectaban aos traballadores/as debían ser negociadas coa representación sindical, debían ser xustificadas as necesidades e, cando se trataba de despedimentos e modificacións das condicións laborais, debían contar con autorización previa dos Organismos da Administración. A Reforma racha co contrato social e os empresarios poden actuar unilateralmente.

O goberno do PP, aposta por unha reconversión do sector financeiro mediante fusións/absorcións, nas que se aplicarán as medidas aprobadas na Reforma laboral. A reforma é moi extensa, polo que nos centraremos nalgunhas das medidas que poden ter especial incidencia no sector:

• Elimina a negociación colectiva, dende o momento que permite que o empresario poda decidir modificar unilateralmente e de xeito individual as condicións laborais (salario, xornada, mobilidade, etc), empeorando o convenio. Unha empresa pode decidir baixarlle o salario a un só traballador/a, poñerlle un horario distinto ao de convenio, etc. Quen non acepte será despedido/a cunha indemnización máxima de 9 mensualidades.

• Os convenios de empresa poderán empeorar os convenios sectoriais. Ata o de agora as negociacións a nivel de empresa só eran para mellorar os convenios.

• Unha vez vencido un convenio, será prorrogado 2 anos; a partir de aí, aplicaranse as condicións básicas do ET e o Salario Mínimo Interprofesional.

• Caer enfermo/a xa era motivo de despedimento, pero agora poderán despedir por faltas xustificadas, independentemente do absentismo global da empresa e cunha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades.

• Amplíanse as causas dos EREs e elimínase a autorización administrativa.

• Abarátase e facilítase o despedimento:

o Despedimento obxectivo, amplíanse as causas. Ten unha indemnización de 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades.

o Abarátase a indemnización de despedimento cando un xuíz o considera improcedente (cando a empresa non tiña razón), a 33 días por ano traballado cun máximo de 24 mensualidades. Elimina os salarios de tramitación (que se cobraban dende o despedimento ata a data da sentenza), cando o empresario opte por indemnizar.

o A anterior indemnización de 45 días por ano traballado, cun máximo de 42 mensualidades queda reducida ao persoal con 28 anos de servizo con anterioridade á reforma. No resto dos casos ratéase a indemnización.

• Penaliza as prexubilacións vía ERE. As empresas deberán ingresarlle ao Estado a prestación de desemprego; ademais elimina parcialmente a bonificación fiscal en caso de ERE (a indemnización exenta calcúlase en base a nova indemnización).

É por iso que convocamos unha MANIFESTACIÓN o 10 de MARZO e FOLGA XERAL O 29 DE MARZO

Sem comentários: