10.11.11

Renunciamos a recibir axudas de novagalicia banco

A Dirección comunicounos a súa intención de proceder ao abonamento de subvencións aos sindicatos duplicadas en base ao Acordo Laboral da Fusión. Pretendían ingresarnos as axudas que se recibían en Caixanova mais as de Caixa Galicia, algo que non compartimos dada a situación económica da nosa empresa.

A Dirección comunicounos que á CIG lle correspondían 3.461,54 euros polo sistema aplicado en Caixanova (o total a ingresar aos sindicatos suma 40.000 euros) e outros 1.092,34 polo sistema existente en Caixa Galicia; en total eran 4.554 euros para a CIG. Negáronse a facilitar os datos do que recibira cada sindicato.
Deixando claro que é lícito e legal que os sindicatos recibamos compensacións por determinados gastos, entendemos que na situación actual da Entidade, nacionalizada e con inxeccións de diñeiro público, con ERE’s en marcha e con recortes, non é de recibo manter os dous sistemas de axudas.
Ademais, no caso de Caixanova, o ano pasado houbo un incremento extraordinario das axudas, manténdose no ano actual sen que continúen as causas que levaron a ese incremento (o incremento das subvencións foi paralelo ao Acordo para que non se celebrasen as eleccións á Comisión de Control do Plan de Pensións, a CIG defendeu o dereito do persoal a elixir a súa representación mediante o sufraxio universal e proporcional; así mesmo, defendemos que o aforro repercutira no incremento da achega do persoal ao plan de pensións).
No caso de Caixa Galicia as compensacións son de 546,17 euros por cada delegado/a de prevención. Un sistema perverso, xa que pode levar a unha disputa sindical na que as organizacións só procurasen ter un maior número de delegados de prevención para incrementar os seus ingresos, con acordos contranatura nalgún Comité de Empresa ou non respectando a pluralidade sindical. Chegados a este punto, nós preferimos que se incremente o número de delegados/as para vixiar a saúde dos traballadores/as, antes que percibir axudas.
Estimamos que é preciso un sistema de compensación de gastos, pero non estamos por cobrar de xeito duplicado, estamos abertos á negociación dun sistema único, transparente e equilibrado. Mentres non se dea esa negociación, a CIG renuncia a recibir as compensacións que puideran correspondernos a través dun sistema inxusto.
Esta renuncia implicará un esforzo como organización no que agardamos poder contar co voso apoio e comprensión. A independencia sindical conséguese en primeiro termo a través da independencia económica, que só é posible a través da vosa afiliación. Agradecemos aos afiliados/as o apoio demostrado e facemos un chamamento ao persoal non afiliado/a para que nos apoie.

2 comentários:

Anónimo disse...

Tedes subvención da Xunta DOGA e do Gobernó según o BOE

Terra de Montes disse...

Eu son afiliado de vello e estes días o digo con fachenda: son afiliado ao único sindicato que hai no banco, á CIG.