4.11.11

O 14 de novembro comezamos as mobilizacións polo Convenio cunha manifestación na Coruña

Sobrecarga de traballo froito da redución de persoal e da unificación de oficinas; ceses, traslados e mobilidade xeográfica masivas; diariamente somos o parapeto ante unha clientela descontenta polos escándalos e as novas nos medios de comunicación sobre a mala xestión do sector; recortes salariais coa redución/desaparición das retribucións variables e a absorción de complementos; en moitas empresas traballamos baixo a ameaza de ERE´s que contemplan baixas incentivadas ligadas á mobilidade xeográfica; pero con todo as Direccións incrementan a presión comercial e nos aguilloan para que estendamos ilegalmente a xornada en entidades con ERE´s en marcha. Esa é a realidade do sector.

Pero malia que somos as vítimas da mala xestión, concentración e privatización das Caixas de Aforros, agora a patronal pretende meter unha retallada importante nas nosas remuneracións e dereitos a través do Convenio.

Levamos 11 meses cos salarios conxelados, á espera dun acordo que non chega no Convenio Colectivo das ex-Caixas de Aforros, dado que a patronal insiste en conxelar salarios durante o 2011 e 2012, así como en recortar outro tipo de remuneracións e dereitos. O certo é que os recortes efectuados ata o de agora en materia de emprego e condicións laborais no proceso de concentración e bancarización non tiveron practicamente resposta sindical. A pasividade e complicidade fronte a este proceso de reconversión, (mais ala das mobilizacións en Galiza, a tónica xeral foi complicidade e silencio) nos pasa factura laboral. Daquelas augas veñen estes lodos.

Dende a CIG pensamos que chegou o momento de dicir basta!!, a privatización é negocio para uns poucos, blindaxe para os Directivos que marchan, para os que seguen e para os que veñen novos; e tal e como advertíamos recortes sociais e laborais para a maioría.

Pero ademais estamos as portas da segunda fase do proceso de reconversión do sector financeiro, que continuará coa concentración e centralización, nela asistiremos a procesos de poxas, fusións ou absorcións entre os bancos das ex-caixas e bancos privados, sen que exista ningún tipo de garantía sectorial ante os cambios de empresa e de Convenio. O Convenio Colectivo Estatal das Caixas non é unha ferramenta útil para os traballadores/as ante as treboadas que se aveciñan.

Ante esta situación a CIG ten convocado de xeito inmediato a primeira mobilización contra a reconversión do sector e por un Convenio Xusto, unha manifestación nacional de delegados/as para o vindeiro 14 de novembro na Coruña. Ademais estamos convencidos de que os recortes sociais e as baixadas masivas de salarios defendidas polas patronais, contribuirán a unha contracción do consumo interno e polo tanto agravaran a crise económica. As súas políticas non son a solución, son parte do problema.

2 comentários:

Nico Terol disse...

Que é certo, e por certo: Sábese algo das subidas salariais que deixou a alta dirección cando largaron a favor dos xefes que quedaban en RR.H.H.?

A LINGUA SABE A PAN disse...

Isto é normalización lingüistica Sres. Feijoo e Castellanos, sodes españoles:
http://vimeo.com/user9134740/alinguasabeapan
Aprendede de catro rapaces de primaria.