19.1.11

FOLGA XERAL: Xa estamos sufrindo as consecuencias da privatización.

Nas Caixas de Aforros estamos sufrindo en primeiro plano as consecuencias dos recortes sociais e laborais impulsados dende a UE e o FMI. Estamos en pleno proceso de reconversión cara á privatización; o ERE aprobouse en base á reforma laboral; a reforma das pensións, xustificada con mentiras e demagoxia, afectará a todo o persoal sen distinción.

Non é certo que os mercados e os especuladores (que serven de escusa para todo) obriguen a afondar na privatización das caixas de aforros, nin Basilea III, nin a crise. É unha decisión política e o proceso está iniciado dende hai meses; por que ven de atras, durante anos a UE e o FMI recomendaron privatizar as caixas.

Xa advertimos nas asembleas de traballadores e traballadoras que non se pode entender o que está pasando na Novacaixagalicia e no resto das caixas de aforros, sen ter en conta que estamos involucrados nun proceso de reconversión que ten como fin a conversión das caixas en bancos: a privatización.

Cando foi aprobado o decretazo do FROB, anunciamos que estabamos ante unha reconversión que tiña como obxectivo concentrar as caixas de aforros para a súa posterior privatización, tal e como fixeran 10 anos antes con todos os bancos públicos que se integraron en Argentaria como paso previo á privatización.

Durante o debate sobre o futuro de Caixa Galicia e Caixanova, houbo quen defendeu a opción do SIP, enganando a sociedade; a CIG xa advertiu daquela que o SIP implicaba transferir toda actividade financeira a un Banco deslocalizado (4 dos 5 SIP teñen a sede, os postos de traballo e o centro de decisión en Madrid). E así está sendo.

Cando descubrimos que nos Estatutos de Novacaixagalicia figuraba a regulamentación das cotas participativas con dereitos políticos (incluso recolle como entrarán nos órganos de goberno) demos a voz de alarma, e votamos en contra na Asemblea Xeral.

Dende o punto da vista laboral, o proceso de privatización das empresas públicas sempre ten como consecuencia a redución drástica do emprego na empresa principal, mentres se transfire a subcontratas con peores condicións; un recorte das condicións laborais, que son presentadas como “privilexios”; o endurecemento das condicións de traballo (a empresa decretou unha “tregua” mentres reestrutura para evitar conflitividade, pero a presión volverá e senón, ao tempo). Privatizar é malo dende o punto de vista laboral.

O vindeiro 27 de xaneiro coa CIG todos e todas á FOLGA XERAL, en contra das reformas que padecemos e contra a privatización de Novacaixagalicia. Defender a natureza xurídica das Caixas é defender os postos de traballo e as condicións laborais no sector.

O 27 de xaneiro en Defensa das Pensións e do Emprego
En defensa das Caixas de Aforros: todos e todas á FOLGA!!!

1 comentário:

Mahatma Gandhi disse...

"Mañán tal vez teñamos que sentarnos fronte os nosos fillos e dicirlles que fomos derrotados. Pero non poderemos mirarlles ós ollos e dicirlles que viven así porque non nos animamos a pelexar".