O 11 de setembro, a
Dirección convocou unha reunión para comezar a
negociación do que será o VI Expediente Colectivo.
Apollo mercou EVO por 60 millóns de euros, cun
compromiso de permanencia de 5 anos. O recorte
salarial proposto (do 24%), supón 30 millóns de
aforro no mesmo período. Involuntariamente os
traballadores/as aportarían o 50% do capital. Un
novo precedente cara a venda de Novagalicia Banco.
Sempre mantivemos que
o ERE IV, froito do plan de reestruturación
presentado pola Dirección de NCG en Bruselas, era
dunha brutalidade innecesaria; o que estamos
vivindo así o demostra. O ERE é un espantavellas:
ameazaron con cortar 2.500 cabezas e, ante esta
tesitura, hai quen está disposto a aceptar compracente
que nos corten un brazo.
Con carácter previo á
venda de EVO, solicitamos da Dirección de NCG Banco
S.A., coñecer o prego de condicións da venda, así coma
as distintas ofertas realizadas, nomeadamente nos
aspectos laborais. Nada recibimos, só opacidade,
opacidade e opacidade.
Vendedor (Goberno
español) e comprador (Apollo), pactaron unha venda
que inclúe unha rebaixa salarial para o persoal. Apollo merca unha
ficha bancaria e liquidez; detrás hai un cadro de
persoal cunhas condicións laborais que deben ser
respectadas. Tampouco entendemos que mentres NCG deu
perdas, foi pública e o Goberno español pagou uns
salarios; agora que NCG dá beneficios, privatízase e
pacta cos compradores rebaixas salariais.
Unha vez máis din
que a venda está condicionada á rebaixa salarial,
unha manobra claramente antisindical. Con todo, para a
CIG, a segregación de EVO debería estar aprobada
previamente polos Órganos de Goberno de NCG,
nomeadamente pola Xunta Xeral de Accionistas. Por unha vez os que
decidiron o corraliño e a quita, deberían estar na
mesma sala que os afectados e escoitar as súas
protestas, coma as escoitamos nós a cotío.
Sem comentários:
Enviar um comentário