9.9.13

A venda de EVO, un paso máis no proceso de Resolución Ordenada



O 31 de agosto de 2012, o Goberno Central aprobaba o RD 24/2012 de Reestruturación e Resolución Ordenada de Entidades de Creto. Advertiamos daquela das gravísimas consecuencias dun decretazo que fixaba as bases para o rescate á banca, e que situaba a NCG Banco S.A. en “Resolución Ordenada”. Hoxe, a venda de EVO Banco e a privatización de Novagalicia, son novos episodios froito daquel decreto.

NCG Banco S.A., está en “Resolución Ordenada” despois de que o propio Goberno do Partido Popular decidira que só a madrileña Bankia era sistémica; de aí a venda de activos (entre eles EVO) e o anuncio de privatización urxente de Novagalicia Banco. Sabemos que todas e cada unha das futuras opcións terá o seu custe laboral e de emprego, malia que semella que para o goberno de Mariano Rajoy pouco lle importa.

Neste senso, a venda de EVO banco por 60 millóns de euros ten un grandísimo custe económico para o conxunto dos contribuíntes (despois de inxectarlle inxentes recursos públicos, miles de millóns de euros, para sanear o balance da rede exterior, e dos recursos utilizados para a posta en marcha de EVO).

Outra cuestión é que ao abeiro da Resolución Ordenada, do Plan de Reestruturación e do ERE IV, pactaron que ou se producía a venda, ou o persoal sería despedido. Só a ameaza de despedimento de 590 persoas pode facer que se valore como positivo o que é claramente negativo. Traballamos baixo a espada de Damocles dun ERE tras outro.

Por se fora pouco, a Dirección da Entidade anunciou que pretende emprazarnos á negociación dun novo Expediente Colectivo, xa que a venda de EVO está condicionada a unha rebaixa das condicións salariais (así como a que o Banco de España autorice ficha para EVO).

En relación ao comprador, Apollo, hai que subliñar que este fondo foi fundado por ex-altos cargos do Drexler, un banco norteamericano quebrado no ano 1990.

Para a CIG, a única opción viable dende o punto de vista do país, laboral e social, é a conversión de Novagalicia nun Banco Público e Galego. O resto é elixir entre o malo e o peor.

Sem comentários: