29.1.13

Comunicado conxunto reunión 28 xaneiro


O paro do día 28 tivo, se cabe, un seguimento maior que o anterior, o cal é fundamental ante a falta de negociación.

O 28, a representación sindical indicou na mesa do período de consultas que, igual que a Dirección indagou os traballadores e traballadoras que están secundando os paros, utilice o mesmo conduto para coñecer os milleiros de horas extras non declaradas, non pagadas, nin cotizadas á Seguridade Social e proceda ao aboamento das mesmas.
En relación á reunión do ERE, a compañía mantivo a súa posición inicial sen moverse nin un ápice; nesta ocasión fixo entrega dun CD con “nova documentación”. Durante o paro, abandonamos a reunión, denunciando nos medios a falta de información, entre outras cuestións, sobre os criterios para o peche. Ao remate da xuntanza a empresa, coñecedora da nosa denuncia pública, entregou un documento sobre os criterios para decidir que oficinas serán pechadas.
Malia que din que estamos ante un ERE por causas económicas, este documento, que vos foi remitido a todos e todas, é moi claro: o 96,5% das oficinas que pecharán as súas portas son rendíbeis. Só o 3,5% das oficinas a pechar teñen unha marxe ordinaria negativa.
A falta de información en tempo e forma, dificulta tremendamente que a representación sindical, no seu conxunto, poda realizar unha contraproposta seria e rigorosa co fin de minimizar os despedimentos.
Con todo, a empresa puxo en marcha un proceso legal de despedimentos colectivos, mobilidade xeográfica, suspensións de contrato e modificacións substanciais. Sen embargo, a súa proposta facilitada o día 21, só fala de despedimentos e de traslados. Polo tanto, o que coñecemos das intencións da Dirección é só unha parte do plan.
Agardamos pois que poña unha nova proposta concreta enriba da mesa, que se centre en alternativas que permitan reducir o número de despedimentos. Mentres, nós seguiremos agardando polo "Plan de Viabilidade", ao que fan mención no documento de criterios para os peches entregado a última hora, que seica aínda o están traducindo.

Sem comentários: