28.11.12

Reunión coa Comisión Europea

No Parlamento Europeo con Ana Miranda
Dende a aprobación do Real Decreto 24/2012 por parte do Goberno Central anticipabámonos á reestruturación que debería acometer a Entidade, comezando a dar pasos. Entre eles estivo solicitar reunións coas partes implicadas no proceso, Goberno do Estado (que é o propietario da Entidade), Comisión Europea e Dirección da Entidade. Só o Goberno do Estado non accedeu a sentarse coa representación sindical. 

O día 26 de novembro a CIG mantivo unha longa xornada de traballo en Bruxelas. Pola mañá cunha reunión no Parlamento Europeo coa europarlamentaria Ana Miranda (BNG), que ten en marcha unha iniciativa para que compareza a Comisión Europea para falar da reestruturación, e que nos apoiou para conseguir a reunión coa Comisión. Xa pola tarde, acompañounos á reunión que mantivemos na Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea, co “Equipo de expertos en axudas de estado da Comisión Europea encargado do asunto Novagalicia Banco”, encabezado polo Sr. Alberto Bacchiega. 

Dado que na reunión falamos de numerosas cuestións pasamos a resumir algúns dos puntos máis importantes. 

Dende a CIG centramos a reunión en 2 aspectos, o futuro da Entidade e o proceso de reestruturación que deberá acometer conforme ao MOU (Memorandum of Understanding) pactado polo Goberno español e Bruxelas. En primeiro lugar, confirmaron que o futuro pasa por unha reestruturación co obxectivo de facer atractiva a Entidade, que debe centrarse en Galiza que é onde sabe facer ben as cousas, para que sexa viable e solvente no futuro. O obxectivo é facela atractiva para a súa futura venda, e que pasará a formar parte dun gran grupo bancario, malia que poda continuar como franquicia. Isto loxicamente podería ter impacto nos SSCC. 

Así mesmo, insistiron en que Bruxelas prestoulle diñeiro ao Estado, que é o propietario da Entidade a través do FROB e, polo tanto, será o goberno de Rajoy o que decida como se reestrutura e o tempo que temos para facelo, toda vez que tal e como vimos demandando, os prazos dados por Bruxelas son flexibles e será o Goberno quen decida. No noso caso, debido ao volume de axudas recibidas, estímase que é preferible adiar a privatización, xa que pode permitir ao Estado vender a Entidade cando se recuperen os mercados, minimizando ás perdas para as arcas públicas. Deste xeito semella que seguiremos vivos á espera da privatización. 

En relación á reestruturación, expuxemos a responsabilidade de Bruxelas e do Goberno Central na situación actual, pola súa tardanza en buscar solución aos problemas da Entidade (preferentes, caída de depósitos, restricións comerciais, etc.). Dado que Bruxelas incide en que a fortaleza é en Galiza, insistimos en que máis restricións comerciais, peches de oficinas e despedimentos lastrarían o futuro da Entidade, restándolle valor no futuro. Neste senso insistiron que o groso da reestruturación debe realizarse fóra de Galiza. En todo caso asistiremos a unha reestruturación dura, pero os prazos para acometela son cruciais. Ante a reestruturación, na que Bruxelas só fala das grandes liñas, pero que decide o propietario da Entidade (Madrid), insistimos en argumentar para minimizar o seu impacto e en solicitar tempo. 

Non é o mesmo acometer unha reestruturación no primeiro trimestre do ano que vén, que realizala en varios anos dando saída ao persoal que vaia cumprindo 55 anos, tal e como expuxemos. Argumentamos que se queren dar confianza, unha reconversión traumática do sector financeiro xerará conflitividade, o cal pode ter un efecto contrario. Neste senso, por parte de Bruxelas semella que non hai impedimentos para que o proceso poda realizarse ao longo de varios anos. Imos ver se o permiten os homes de negro de Madrid: Rajoy e de Guindos. A actual poxa do banco de Valencia ou de Catalunyacaixa de xeito inmediato, e dar un maior prazo a Bankia (por ser sistémica a nivel estatal) e a Novagalicia (pola existencia dun proxecto de seu), demostran que realmente é o Estado quen toma as decisións, co visto bo de Bruxelas. 

Trasladamos tamén a preocupación pola OBS; dixeron que a participación accionarial da Caixa no Banco, verase afectada coma no caso da CAM ou Unimm. 

Así mesmo, interesámonos polo futuro do Banco Gallego, ao que nos dixeron que forma parte do Grupo, pero que o FROB busca un comprador para a súa venda inmediata. Ao longo dos vindeiros días continuaremos traballando en base ao contacto aberto con Bruxelas.

Sem comentários: