23.11.12

Cada quen defende os seus intereses, nos tamén

Cada quen defende os seus intereses, é lóxico que nestes tempos revoltos os traballadores e traballadoras defendamos os nosos, e que os traslademos e os poñamos por riba da mesa. Dende a CIG valoramos que os traballadores e traballadoras estamos lexitimados para reclamar o menor impacto laboral posible ante os tempos que se aveciñan.

 O vindeiro 28 de novembro a Troika aprobará o plan definitivo (agardamos que esta vez si) para a nosa empresa, que incluirá a necesidade de reestruturar. Tiñamos dereito a pedir unha reunión e o fixemos. Non entendemos as críticas á CIG. Criticable sería que quedaramos de brazos cruzados e despois asinaramos un ERE á baixa dicindo que non hai nada que facer. Ese non é o noso modelo sindical.

Todos se defenden (inversores que din que os “enganaron”, ex-directivos que din que todo era legal, a alta dirección que di que a culpa é do FROB ou de Bruxelas), nós tamén vos defendemos. As saídas que quedan están claras conforme ao RD 24/2012: 

• Venda de negocio a terceiros, a unha ou varias entidades. Se se dá vendido, se non, “achatarramento”, tal e como advertiu a Dirección. 
• Traspaso negocio ao SAREB. 
• Posible creación dunha banca ponte, que debería reestruturarse durante 3 anos, para ser reprivatizada do 3º ao 5º ano. 
• Ou poxa pública e urxente da entidade.

Estas medidas poden aplicarse individualmente ou en conxunto. Pero todas teñen un impacto laboral: poden levar a un desmantelamento parcial da Entidade. 

Unha vez máis, afrontamos días supostamente decisivos, debemos estar alerta, pero nunca caer na desesperación. As cifras de posibles despedimentos non están pechadas e non podemos caer nos globos sonda que nos envían, ante todo moita calma. Non hai moito, os 4 maiores gabinetes de avogados do Estado dicían nun informe que todas as empresas saen cos 20 días como punto de partida, iso non significa nada. 

A CIG vai a Bruxelas, a reunirse co Equipo do Comité de Axudas aos Estados que levan o caso de NCG Banco, coa mellor das vontades. O feito de que nos reciban e estean dispostos a escoitarnos con carácter previo á aprobación do plan, entendémolo como un xesto positivo. Pero pouco máis, sabemos como as gasta a Troika e se non que llo digan a Grecia ou Portugal. 

Por último, as reaccións sociais ante o peche de oficinas do rural son un argumento ao noso favor. Na nosa petición de reunión falabamos do papel que cumpre a entidade facilitando a inserción financeira, algo que poremos novamente por riba da mesa.

Sem comentários: