3.10.12

Mobilización na Xunta de Galicia


Somos 6.000 traballadores e traballadoras, teñen que escoitarnos.

Ante os momentos de incerteza que estamos vivindo dende a CIG non quedaremos a espera de que outros decidan o noso futuro sen escoitar a voz dos traballadores e traballadoras. Neste senso temos en marcha distintas iniciativas das que vos queremos dar traslado.

-Temos solicitado unha explicación por parte da Dirección de NCG Banco SA, sen que a día de hoxe tivéramos contestación. Seica aquí xa mandan os homes de negro da Troika (segundo algún xefe de zona).

-Dado que a entidade está nacionalizada e polo tanto é propiedade do Estado, temos solicitado ao Ministro de Economía, Luis de Guindos, unha reunión para coñecer de primeira man o impacto laboral do proceso de resolución ordenada, para demandar a subrogación laboral e un proceso negociado. Pedimos tamén unha interlocución directa entre o propietario da entidade (o Estado) e os seus traballadores e traballadoras.

-Estamos celebrando asembleas de traballadores/as para informar de primeira man e compartir con todos e todas vos a situación.

-Temos convocado unha concentración para o vindeiro día 11 de outubro ás 11 horas diante da Xunta de Galicia, para solicitar un compromiso claro e nidio en defensa dos 6.000 postos de traballo directos do Grupo NCG Banco, SA en Galiza (novagalicia, Banco Gallego e das empresas auxiliares). A Xunta de Galicia é responsable directa da situación que vivimos e queremos a súa implicación na defensa dos 6.000 postos de traballo.

-Temos solicitado a colaboración do BNG, para que a Deputada Olaia Fernández Davila presente unha pregunta ao Goberno no Congreso dos Deputados relativa ao impacto sobre o emprego do proceso de resolución ordenada do Grupo NCG Banco, SA.

-Estamos traballando para tratar de conseguir unha reunión coa UE en Bruselas, para expoñer as nosas dúbidas sobre o rescate bancario e demandar o mantemento da capacidade das entidades e sen recortes de persoal coma maior garantía da viabilidade das mesmas.

Asistimos con preocupación ás negociacións abertas noutras entidades que foron vendidas polo Estado, nomeadamente Unimm ou CAM, nas que as Direccións e os propios sindicatos están falando abertamente de despedimentos masivos, unha saída que non compartimos.

Sem comentários: