O día 7 de agosto mantivemos unha reunión coa Dirección na que presentaron o Plan RA-YA, despois dun “erro” na convocatoria anterior que impediu a nosa asistencia. O nome o di todo, reactivar é poñer en marcha algo que está parado. A Dirección entende que os traballadores/as estamos de brazos cruzados, de aí o Plan e a presión comercial que se traslada a través dos Territoriais e Zonas.
A perda de depósitos é o principal motivo de preocupación para os traballadores/as, neste senso levamos reclamando unha solución ao problema das preferentes/obrigas sen que a Dirección fixera nada, agora trasladan a responsabilidade ao persoal e din que as causas son externas. Na reunión avisamos que a CIG non calará ante a agresividade nas formas e as ameazas por parte dos Directivos, si continúan convocaremos mobilizacións diante das reunións comerciais que convoquen.
Semella que pretenden un mal remake das políticas comerciais que nos levaron a onde estamos; unha volta ao pasado, as políticas resesas; aos peores tempos de persecución e acoso comercial ao persoal. Seguen os mesmos, nada aprenderon, nin houbo ánimo de emenda e así nos vai.
Coma a maioría puido apreciar nas reunións comerciais coas Territoriais, o plan Ra-Ya ten “moito pau” e pouca, case ningunha, “cenoria”:
- Despois dos recortes salariais vía Convenio Colectivo Estatal e a través dos distintos ERE´s, non é de recibo que se diga publicamente que pretenden dar algo por riba do que en dereito nos corresponde. Cando ademais a perda salarial acumulada non será compensada en ningún caso.
- No sector financeiro hai unha tendencia a cubrir os gastos de explotación con cargo ás comisións cobradas á clientela. Si novagalicia banco puido eximir de comisións a gran parte da clientela foi grazas aos recortes nos gastos de persoal, a maior partida dos gastos de explotación. Pero co plan de incentivos (que non é tal) se transmite á sociedade a imaxe contraria dos traballadores/as, o cal é tremendamente inxusto.
- Gran parte dos afectados/as da preferentes din que os traballadores/as colocámolas para recibir incentivos, unha idea falsa que se perpetua coa publicidade do Plan Ra-ya; ademais da a imaxe de que os traballadores/as nos beneficiaremos do diñeiro público que recibirá a empresa (un rescate antisocial), cando o efecto laboral será un 4º ERE.
- Non hai garantías de cobro, con anterioridade a Dirección anulou as retribucións variables, deixando sen cobrar a compañeiros/as que cumpriron. Nin tampouco hai garantías fronte aos traslados arbitrarios.
- Para a CIG o mellor incentivo laboral é saber que manteremos o posto de traballo. O anuncio dun novo ERE en xaneiro asociado ao plan de rescate non é a mellor noticia.
Cabe pensar si fronte a desconfianza da clientela o lóxico non sería comportarse con normalidade e revisar as vellas políticas comerciais: as persoas, os modos, xeitos e contidos. En todo caso aconsellamos ao persoal actuar con cautela para evitar que a clientela poda pensar que estamos dispostos a todo co fin de cobrar un incentivo. O prioritario é manter a confianza que a clientela teña en nos, nos traballadores/as.
Sem comentários:
Enviar um comentário