O pasado 12 de abril celebrouse o xuízo contra Novagalicia Banco polo despedimento do compañeiro Alberto Rumbo. Ao inicio do mesmo, o xuíz preguntou a ambas partes pola posibilidade de chegar a un acordo; a nosa avogada deixou claro que estabamos abertos a un acordo e o avogado da empresa dixo que nunca houbo intención de acordar nada, e que se ratificaban. Non hai moito o Presidente da Entidade dixo que non nos preocupásemos que “llegaremos a un acuerdo”.
En primeiro lugar, queremos salientar que a empresa estivo representada por un avogado externo. (Canto foi a minuta? 10.000 euros? Non din que hai que recortar gastos? En fin.) Compareceu como única testemuña o Auditor. Ao longo do xuízo, cremos que quedou demostrado que:
O compañeiro Alberto, previamente, tivo longas baixas derivadas do estrés laboral; solicitou, persoalmente ao Director Territorial, a través dos Servizos Médicos (que lle realizaron o test de carga de traballo), e a través desta representación sindical, un cambio de destino e de posto en base a súa delicada situación de saúde. A empresa optou por mantelo como Director de Paderne e, posteriormente, como Subdirector na mesma oficina, vulnerando a lexislación en materia de Prevención cando sabían que o traballador non estaba capacitado para seguir nese posto. Por certo, tomade nota: quen un día é imprescindible para a Dirección por cuestións comerciais, ao cabo dos meses é despedido.
Estando de baixa médica foi chamado a oficina para tratar de conseguir unha declaración autoinculpatoria que non conseguiron: nada malo fixo. Non se pode chamar ao posto de traballo estando de baixa e menos para forzar a quen non estaba en disposición de defenderse.
Houbo tamén unha indefensión do compañeiro cando se lle imputaron feitos sen facilitarlle a el, nin á súa representación sindical acceso ao expediente. É difícil defenderte cando non sabes de qué te acusan.
Parte das operacións alegadas para despedilo era o pago de xuros a clientes que nalgúns casos foron contabilizados contra diferenzas de caixa. Correspondían a liquidacións de contas as que non se lle aplicou o xuro pactado dentro dos 15 primeiros días. Estas operacións foron realizadas durante o caótico período de integración e coa autorización verbal do seu superior, que hoxe está fóra da empresa . No xuízo, o avogado do banco dixo que as auditorías se realizan por requirimento dos responsables comerciais. É dicir, primeiro autorizan operacións verbalmente e logo mandan á auditoría e despiden: demencial. Sabemos que o FROB impide realizar ofertas comerciais agresivas, pero que non se fagan por atrás e carguen as responsabilidades contra os traballadores/as.
Alegaban que pagou contías menores do seu propio peto para evitar que os clientes marchasen, un erro cada vez máis frecuente froito da excesiva presión comercial da que somos vítimas. A el o despiden por poñer diñeiro en NCG, cando levamos meses agardando que algúns poñan o diñeiro prometido para salvar a empresa, é curioso.
Os feitos están claramente prescritos, pero o Auditor “M.S.”, que compareceu no xuízo como testemuña da empresa dixo que cando tecleamos diferenzas de caixa a empresa pode tardar anos en coñecelas. Mal imos se a Auditoría non coñece que as diferenzas de caixa saltan de xeito inmediato ao superior xerárquico. Como nos vai auditar quen non coñece a operatoria? (preferimos pensar que a súa declaración se debe a descoñecemento, que non mentiu no xuízo).
Alegaban que se realizara un traspaso da conta dunha clienta, malia que se tratou dun erro que foi corrixido sen maior repercusión para a Entidade. A mala fe está nos ollos que miran a operación con ánimo de despedir.
O xuízo quedou pois, listo para sentenza. Agardamos que se faga xustiza.
Sem comentários:
Enviar um comentário