9.4.12

O calote da "preferencia"


No período de consultas do ERE III modificaron o ERE II, para incluír a cotización á Seguridade Social ata os 63 anos para as persoas que cumprían 55 anos ao longo do 2012 e recollían que terían preferencia para ser incluídos no ERE II. Na última reunión do período de consultas dixeron que había 200 solicitudes para ese ERE e 318 peticións de información, polo que fixeron ver que había prazas para todos e todas.

Posteriormente responderon a moitas das persoas que cumpren 55 anos no 2012, que daquela xa non había prazas para todos e todas, que quedaban menos de 50.

Agora a Dirección indicounos que terán preferencia para o ERE II as persoas que solicitaron a inclusión antes do día 22 de marzo e que as prazas que resten (menos de 30) serán para os que cumpren 55 no 2012. Danlle preferencia a aquelas baixas incentivadas que lles saen mais baratas, ou para beneficiar a altos directivos afectados polo tope da indemnización das baixas incentivadas do ERE III.

Queda claro que incluíron a cotización ata os 63 e que darían saída preferente ao persoal que cumpre 55 anos no 2012 para adornar o novo ERE, para "vestilo" co fin de poder vendelo entre o cadro de persoal. Cada vez que esta empresa utiliza a palabra preferente é para tremer.

Participacións Preferentes.

Durante meses as persoas afectadas pola mala praxe empresarial na comercialización das participacións preferentes e obrigas subordinadas, centraron as súas protestas ás contra os traballadores e traballadoras da entidade. Nos estivemos nas oficinas, mantivemos reunións cos afectados/as, etc. Durante ese tempo a Dirección gardou silencio, malia que a situación era crítica en moitas zonas.

Agora as protestas da clientela subiron un chanzo coa concentración diante do Parlamento Galego e na TVG. Curiosamente agora que as protestas van dirixidas contra os responsables políticos que obstaculizan a solución, a Dirección saíu publicamente ao seu rescate.

Nas reunións cos afectados/as nos sempre fomos coa verdade por diante, tiñamos claro que o Banco de España non daría unha solución entanto non se aclarase o futuro da entidade. Haberá que agardar ata xuño, malia que o tempo contribúa a degradar aínda mais a viabilidade da empresa.

Sem comentários: