23.4.12

Esiximos unha solución inmediata para NCG banco.

Si en setembro a entidade foi desvalorizada dun xeito escandaloso, hoxe fálase abertamente da posible de que sexa poxada por 1 euro. Estamos obxectivamente peor. Polo camiño asistimos a unha baixada dos depósitos, froito do descontento dunha gran parte da clientela e da sociedade e a quebra da confianza (fusión continuista, indemnizacións ex-directivos, pero sobre todo pola bancarización, a desvalorización, a nacionalización a través do FROB, o corraliño das preferentes ou a mala imaxe dos continuos ERE´s). Ningún destes factores é imputable ao cadro de persoal.

O Presidente da Xunta de Galicia ten unha grave responsabilidade na situación actual, como el mesmo recoñeceu contactou con JM Castellano en marzo do 2011 para que liderase o proceso de privatización das antigas Caixas de Aforros. A Entidade foi nacionalizada porque o tal Castellano non conseguir en setembro nin en decembro os investimentos de “empresarios galegos” e fondos de investimento que prometera. E seguimos nacionalizados á espera de que entren os investidores ou un gran banco estatal previo EPA (Esquema Protección de Activos). 

Din que a materia prima do sector financeiro é o diñeiro, unha verdade a medias, a materia prima é a confianza. A indefinición sobre o futuro da entidade contribuíu a desvalorizar a mesma, a quebrar parte da confianza e polo tanto xustifica e xustificará recortes no emprego e laborais. Neste senso os meses de “prorroga” prexudicaron gravemente á entidade e seguir mantendo a incerteza non fará mais que afondar nos problemas. Si en setembro do 2011 foi desvalorizada nun 90% sobre libros, baixando o seu valor ata os 181 millóns de euros, hoxe pode ser poxada por 1 euros.

Dun ou doutro xeito a Entidade será privatizada socializando perdas e privatizando os beneficios . Asistimos a recortes sociais de todo tipo xustificados en nome do déficit, por que privar ás arcas públicas dos ingresos das empresas en mans públicas? (neste trimestre NCG banco xa está en beneficios).

Dende a CIG esiximos dos gobernos unha solución inmediata que garanta o emprego (do banco, das empresas auxiliares e da Obra Social), basta de adiamentos que non benefician a ninguén, agás a quen quere adquirir os restos das antigas Caixas Galegas a prezo de saldo. E si hai que socializar as perdas o lóxico é manter o carácter público da entidade para socializar tamén os futuros beneficios, que engrosen as maltreitas arcas públicas evitando así mais recortes e axustes.

Sem comentários: