A CIG solicita a apertura de expediente sancionador aos Directivos de Novacaixagalicia e aos integrantes dos Consellos de Administración por parte do Banco de España, e solicitamos que a Fiscalía Anticorrupción abra unha investigación de oficio sobre a xestión de Caixa Galicia, Caixanova e Novacaixagalicia, sobre a valoración pactada entre o Banco de España e os fondos de investimento norteamericanos, e sobre o cobro de retribucións e outro tipo de prebendas por parte da cúpula directiva pasada e actual da Entidade.
A sociedade pode e debe escandalizarse ante os cobros excesivos dos ex-directivos de Novacaixagalicia e polo pacto entre o Banco de España e os compradores norteamericanos que minusvaloran a participación de Novacaixagalicia en NCG Banco S.A., pero os políticos con responsabilidades non teñen dereito a escandalizarse, a eles correspóndelle lexislar para que este tipo de cuestións non sucedan, deberían ter actuado.
Partido Popular e PSOE teñen responsabilidades na Xunta de Galicia, no Ministerio de Economía e no Banco de España; ambos tiñan coñecemento da mala xestión, da blindaxe e da minoración do valor da entidade. Se coñecían a situación e nada fixeron, sería especialmente grave a súa actuación, e se non eran coñecedores da situación, demostrarían a máis absoluta incompetencia.
Entendemos que non é momento de “escandalizarse” e de dicir que alguén debería facer algo, é o momento de actuar. Neste senso, a CIG ten dados os seguintes pasos:
Apoiamos a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento Galego, polo que solicitaremos unha reunión cos distintos grupos parlamentarios.
Temos solicitado do Banco de España que abra un expediente sancionador á cúpula directiva da Entidade, así como as persoas que integraron os Órganos de goberno e que avalaron a xestión.
Temos solicitado da Fiscalía Xeral do Estado que inste á Fiscalía Anticorrupción para que abra unha investigación sobre o acontecido.
Insistimos en que non se trata só de investigar os cobros dos ex-altos directivos, senón tamén a súa xestión e, sobre todo, a venda pactada entre o Banco de España e os fondos norteamericanos, minusvalorando o valor da Caixa.
Sem comentários:
Enviar um comentário