29.6.11

A CIG propón un plan alternativo de recapitalización para manter o control público e galego de Novacaixagalicia

Ante as declaracións do Presidente da Xunta de Galiza, anunciando que rematou o seu traballo e que comeza o dos xestores do futuro banco NCG, a CIG exixe un papel activo do goberno galego para garantir a continuidade da Caixa de Aforros. Papel que debe dirixirse a manter a maioría do accionariado no futuro banco, así como a que se investiguen responsabilidades a todos os niveis. Para iso, reclama a creación dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galiza.

Máis ala da entrada de capital privado no futuro banco NCG, hoxe está en xogo a continuidade ou non da Caixa de Aforros, é dicir que controle a maioría de capital na nova entidade e polo tanto que a entidade continúe baixo control público galego ou na súa conversión nunha Fundación.

Neste senso, a CIG considera fundamental que o goberno galego poña en marcha unha iniciativa para crear un fondo que poda participar na capitalización da Caixa de Aforros coa fin de garantir o control do futuro banco. Entende que dito fondo, que debería liderar a Xunta de Galiza, debería contemplar achegas de Concellos e Deputacións, podería ser comercializado a través da rede de oficinas de novacaixagalicia e a Dirección debería habilitar fórmulas para permitir que os traballadores/as da entidade podan contribuír a capitalización da mesma.

A CIG fai esta consideración desde o convencemento de que máis alá de quen encabece o grupo de inversores actual, é preciso dotar dunha estabilidade accionarial a novacaixagalicia fronte aos fondos capital risco que ameazan con tomar o control, mantendo a maioría do mesmo baixo control público.

Ademais non é de recibo a entrega da Caixa de Aforros a inversores privados, por un valor entre 300 e 700 millóns de euros nun proceso opaco dirixido pola cúpula da antiga Caixa sen que, cando menos, realizaran unha oferta pública para a propia clientela que ten depositado a súa confianza na entidade durante décadas.

Galiza xa está sufrindo as primeiras consecuencias do proceso de bancarización, coas desinversións en empresas e sectores estratéxicos para o país, un proceso ante o que a Xunta de Galicia non pode pechar os ollos. Así mesmo as necesidades de recapitalización forzadas polo Decreto do Goberno Central, están agravando as restricións ao creto. Neste senso a nosa proposta ten como obxectivo evitar a descapitalización das empresas participadas, así como contribuír a restablecer o creto e polo tanto á recuperación económica.

Non se pode esquecer que a campaña permanente contra o gasto das comunidades autónomas, encubre a proposta de recorte de dereitos sociais. As maiores partidas dos Orzamentos autonómicos son as destinadas a gastos sociais (Saúde, Ensino e outras coberturas sociais), cando atacan o autogoberno é co obxectivo de recortar dereitos.

Neste senso as Caixas de Aforros eran as segundas inversoras do gasto social en Galiza, a través da Obra Social. A bancarización supón de facto unha redución dos Orzamentos da Obra Social, nomeadamente si a Caixa de Aforros non ten a maioría da nova Entidade, polo que a nosa proposta ten como obxectivo blindar tamén a contribución social das Caixas.

Novo marco normativo

Por outra banda, a CIG entende que é preciso, tanto se a Caixa é maioritaria no novo banco, extremo descartado polos actuais xestores pero fronte ao que hai alternativas serias, viábeis e solventes como se debe converterse en fundación, sería preciso un novo marco lexislativo.

Ademais non se pode permitir que a actual equipa directiva, responsábel da mala xestión e que agora se demostrou incapaz de capitalizar a empresa, continúe como representante da Caixa nos órganos de goberno do novo banco. Todo o contrario, a CIG esixe unha Comisión de Investigación por parte do Parlamento Galego na que se establezan de xeito claro as responsabilidades e que polo tanto se depuren.

O pasado 13 de marzo, Galiza Ten Dereito manifestábase polas rúas de Santiago para defender o dereito a manter unha Caixa de Aforros Galega que xestionase o aforro dos galegos e galegas para crear riqueza e emprego no país.

A CIG considera que non é casual que ese mesmo día Alberto Nuñez Feijoo iniciase os contactos con José María Castellano, unha vez constatada a incapacidade dos xestores de novacaixagalicia para garantir o proxecto da Caixa de Aforros, en todo caso ou a Xunta de Galicia continua traballando para garantir que Galiza poda contar cunha Caixa de Aforros como Catalunya ou Euskadi ou quedará evidenciado que co inicio da operación Castellano o 13 de marzo só quería evitar ter que afrontar responsabilidades políticas.

É posíbel e desexábel manter unha Caixa de Aforros Galega, non é o momento de tirar a toalla e deixala aos pes dos fondos capital risco.

Sem comentários: