29.4.11

Mobilidade xeográfica: chora minima chora polo leite da cazola...

Hai quen é capaz de dicir unha cousa e a contraria, todo depende de con quen falen, coherencia sindical moi pouca. En fin, ante o que se está a falar cremos que é preciso lembrar o que dixemos sobre o asinado no Pacto Laboral relativo á mobilidade xeográfica.

Durante a negociación do Pacto Laboral, a CIG optou por incidir na negociación e, modestamente, pensamos que fixemos algunhas contribucións. Moitas son as mentiras polo baixo (nunca públicas) contra a nosa organización: que se houbo xente do “metal de Vigo” negociando en nome da CIG; que se non asistimos a reunións, etc.). O certo é que estamos orgullosos do noso papel, sobre todo se comparamos o Acordo con outros do sector; en moitas cousas leva o noso selo. Outra cuestión é que non foi un acordo asumible na súa totalidade.

Un dos puntos que non asumimos foi o da mobilidade xeográfica, fixemos propostas concretas que CIG, CCOO e CSICA defendemos conxuntamente, pero que a Caixa non aceptou e a mobilidade xeográfica quedou aberta e sen límite.

Queremos lembrar hoxe o que dixemos no documento “25 preguntas e respostas para o persoal que queda”, no que faciamos unha valoración do pacto e que podedes consultar en internet, relativas á mobilidade:

Poden trasladarme sen límite de quilómetros? As Caixas recorreron á figura do traslado colectivo, non é voluntario. Hai casos nos que a compensación non cubre a dieta e o quilometraxe previsto no Convenio para Comisións de Servizo.
Podo negarme a ser trasladado/a? Para aquel persoal que non acepte o traslado resérvanse a baixa incentivada (despido indemnizado).

Sabemos a cantas persoas queren trasladar? Non, e ademais o pacto non limita o número de traslados. Poderán trasladar a quen queiran, as veces que queiran e a onde queiran.

Incluíron cláusulas de garantía na mobilidade xeográfica? A CIG solicitou ligar o proceso de prexubilacións á asignación de novos destinos a través da publicación de vacantes, dando preferencia ao persoal das oficinas que pechan, a compañeiras embarazadas ou con permiso de lactación. As Caixas dixeron estar dispostas, pero non incluíron nada.

O persoal de Servizos Centrais pode ser trasladado entre Vigo e A Coruña? Si, na mesa chegaron a poñer como exemplo que nalgunha caixa o persoal se despraza diariamente en autobús e non pasa nada.

Pois iso, que a CIG mantén hoxe unha postura coherente co que defendemos na mesa e coa nosa negativa a asinar o Pacto Laboral.

Sem comentários: