29.4.11

A entrada de inversores racha a paridade e desata unha nova guerra interna

O futuro da empresa está en xogo e deberíamos pedirlle cordura ás dúas cúpulas directivas (si, hai dúas; só hai que mirar os medios de comunicación afíns a cada unha delas e as saídas de ton dos seus respectivos políticos “amigos”). Pero non o imos facer; temos o convencemento de que non valería para nada, como non valeu durante o ano que se tiraron os “trastos” á cabeza publicamente durante a negociación da fusión.

Hoxe, coma onte, semella que está en xogo o PODER, si con maiúsculas; despois da fusión paritaria vén a privatización. Segundo de quen se sexa amigo, que entre e poña o diñeiro, a famosa paridade pode escachar e saltar polos aires. De aí as críticas duns e doutros aos inversores que cada quen trae do brazo, iso si, en nome da responsabilidade e viabilidade.

Non era nada doado cargarse unha caixa; máis difícil era cargarse dúas; case imposible cargarse a fusionada; ardua tarefa e case que imposible, cargarse o futuro banco antes de que naza; pero a loita de PODER, que ten provocado guerras e mortes ao longo da historia da humanidade, semella ser capaz de todo.

Piden que os sindicatos manteñamos a paz social para evitar dar unha imaxe conflitiva que espante aos posibles inversores. Pero se algo lastra a imaxe da Entidade, é a continua loita de poder e as saídas de ton, esta semana na prensa, dos “amigos” Fernández Moreda e Caballero (por certo, dous políticos do mesmo partido privatizador e reconversor das Caixas: o PSOE).

Fomos a única voz crítica contra un modelo de xestión errado durante anos e gardamos silencio durante os últimos meses ante a difícil situación que afrontamos, os postos de traballo son o primeiro. Pero cando as condutas irresponsables duns e doutros espantan a posibles inversores e poden obrigar a empresa a recorrer ao FROB na súa totalidade e, polo tanto, implicar duros recortes de persoal e sen prexubilacións, non imos quedar calados.

Reiteramos a nosa petición de dimisión de Salvador Fernández Moreda que fixemos pública o 11 de marzo, como criticamos no seu día e nos mobilizamos ante as saídas de ton de Abel Caballero. A CIG non está atada, nin amordazada, quen poña en perigo os postos de traballo da Caixa, da Obra Social e Fundación, e das Auxiliares, sexa quen sexa, teranos enfronte.

Por último, dicir que ante a situación que afrontamos, tiñamos solicitadas senllas entrevistas coa Ministra Salgado e co Gobernador do Banco de España Miguel Ángel Fernández Ordóñez.

Xa temos confirmada a reunión co Banco de España a semana que vén, co fin de coñecer os criterios que utilizará para decidir os recortes laborais que aplicarán nas empresas que reciban axudas do FROB. Pediremos responsabilidades e explicacións. Seguimos dando pasos en defensa dos postos de traballo, e informarémosvos de cada un deles.

Sem comentários: