18.2.11

O goberno central dicta a privatización das caixas por decreto

O Decretazo de privatización das caixas de aforros presentado polo Goberno é un ataque ao autogoberno galego, un novo recorte social para beneficio da gran banca, e unha tentativa de privatización do maior patrimonio empresarial común acumulado co aforro dos galegos e galegas: polos emigrantes, os traballadores e traballadoras, as familias e os pequenos aforradores en xeral durante os anos de vida das caixas de aforros.

As caixas de aforros que naceron no século XIX para favorecer a inclusión financeira dos sectores menos favorecidos da sociedade, para retribuír o pequeno aforro e contribuír ao desenvolvemento económico do país, agora corren o risco de desaparecer froito das políticas de económicas dereitistas e neoliberais dun PSOE entregado ao gran capital especulativo.

O Goberno Central iniciou a privatización das caixas despois de reunirse publicamente cos maiores empresarios do Estado e en segredo coas cúpulas da gran banca privada, preténdese entregar a cota de mercado das caixas de aforros á banca privada. Cabe lembrar que entidades coma o BBVA pasaron dunha cota do 16% nos anos noventa ao 10% actual, pola competencia das caixas de aforros. Entidades como o Santander teñen unha cota de mercado marxinal en Galiza, onde Novacaixagalicia é un 50% do sistema financeiro.

A privatización das caixas por decreto, supón tamén unha involución na capacidade de autogoberno de Galiza e unha maior centralización do poder político e económico; o propio Estatuto de Autonomía contempla as caixas de aforros como competencia exclusiva da Comunidade. Unha competencia laminada por este decreto.

Sen unha entidade financeira de seu, baixo control público, a xestión do aforro dos galegos e galegas realizarase fóra do país, o que suporá minguar a capacidade de financiamento aos sectores estratéxicos para a economía, aos traballadores e traballadoras para facer fronte as necesidades financeiras inmediatas e as pequenas empresas. Ademais perderemos a capacidade de capitalizar empresas estratéxicas para o país, como fixeron as caixas ata o de agora en numerosos sectores.

A desaparición das caixas de aforros privatizadas en Italia a través da lei Amato Carli do ano 1990, transformándoas en fundacións tenedoras de accións dun banco, saída que algúns pretenden para Novacaixagalica, levou a que un 22% da poboación padeza a marxinación financeira.

A situación actual das caixas vén dada por afastarse do modelo tradicional, apostando por un modelo bancarizante e unha expansión que as levou a cometer erros fóra dos territorios de orixe. A bancarización e a perda de carácter territorial son a causa do problema, nunca a solución.

Instamos ao Goberno da Xunta de Galicia a recorrer o decretazo privatizador das caixas, en defensa do autogoberno e das competencias estatutarias, e para preservar a Caixa de Aforros coma un ben común dos galegos e galegas. A reforma da LORCA, que permite legalmente a conversión de caixas en bancos, ata hai un ano prohibida, foi aprobada en xullo de 2010 co apoio do PP e do PSOE no Parlamento español, o Presidente Feijoo debe demostrar, recorrendo o decreto, que aposta polo mantemento de Novacaixagalicia.

A CIG continuará coas mobilizacións en defensa da Caixa; por unha parte continuarán as asembleas de traballadores e traballadoras de Novacaixagalicia, da Obra Social e das empresas auxiliares, co fin de promover unha contestación xeral. Tamén está convocada unha nova mobilización de delegados e delegadas diante do Concello de Vigo para o vindeiro 24 de febreiro ás 11:30 horas, para protestar contra o dirixente local do PSOE Abel Caballero, firme defensor da privatización, vía SIP hai un ano e hoxe directamente, e é un dos máximos voceiros da campaña de desprestixio contra a Caixa emprendida polo PSdG para xustificar a privatización.

2 comentários:

Que mais da quen sexa! disse...

Leede todas-os o libro "Indignádevos" de Stéphane Hessel quen expresa con palabras, o que tantos ciudadáns golpeados pola crise e polas medidas de regresión social sinten no fondo de sí mesmos. Ese sentimento de que lles están arrebatando os seus dereitos, eses anhelos punzantes de desobedecer, eses desexos de gritar hasta perder o aliento, esas ganas en fin de protestar sin saber cómo.

P.D.:(at. de Mariño)¡POLO MENOS FAS ALGO UTIL!

A segunda entrega, vai ser posiblemente ¡SUBLEVÁDEVOS!

Eu de novo disse...

Escoitade isto: 4:18 segundos de verdades.
http://www.youtube.com/watch?v=do5ZpgTYyYo