Os ruxerruxe que circulan pola empresa, superan sempre a información que recibimos por parte da Dirección. Así foi tamén nos casos dos peches máis alá da información recibida o 29 de decembro ou da que recibimos a requirimento noso o 10 de xaneiro.
Aparte dos criterios técnicos habituais cos que xustificarán os peches de oficinas, seguimos sen saber como nos afectarán laboralmente. Na CIG nos preocupan as persoas, de aí que haxa aspectos sobre os que é esixible unha maior información.
Carreira Profesional: No caso de integración de varias oficinas, anunciaron que pode darse a circunstancia de que cesen aos apoderados dunha e doutra oficina, que os nomeados poden ser outros. Será a Dirección quen decida os nomeamentos sen que teñan porque ser os actuais. Quen cumpriu ata a fusión, ¿agora non vale? Que se apliquen o conto.
A decisión será das persoas da “Área Directivos”, un departamento procedente de CG da confianza de García de Paredes. As súas decisións, que o tempo demostrou erradas, sempre foron motivo de conflitividade laboral, polo que nos tememos o peor.
Saída persoal prexubilable: O número de persoas acollidas é moi cativo en comparación con procesos anteriores de prexubilacións, froito do escaso aval sindical. Ratifícannos que xa comezaron as saídas de persoal case de xeito experimental, a maior parte persoal de SSCC. As persoas que se queiran acoller poden indicar a preferencia para a saída, outra cuestión é que lle fagan caso, decidirá Dirección de Persoal.
Mobilidade xeográfica: De como se acompasen os peches de centros de traballo e a saída dos prexubilados/as dependerá en gran medida a aplicación da mobilidade xeográfica establecida no Acordo Laboral. Os peches comezarán polo rural, mentres que as prexubilacións faranse en toda a rede, o que pode implicar unha maior mobilidade xeográfica. E seguimos sen ter información ao respecto, o que non é nada tranquilizador.
Por último, dicir que é demagóxico que algúns claudicantes e caladiños critiquen á Dirección nos comunicados. Nuns casos, despois de darlle un cheque en branco á Dirección asinando o Acordo Laboral (CCOO e CSICA); noutros casos, despois de asistir á Asemblea Xeral para estar calados (os “independentes” do CSICA e os “independentes” da Agrupación de Electores).
Sem comentários:
Enviar um comentário