A semana pasada unha misión do FMI, organismo que defende a privatización dende o ano 1999, reuníase co Goberno e co Banco de España, para, ao igual que fixo no seu momento coa reforma laboral, a reforma das pensións ou a da negociación colectiva, indicarlle as directrices que o capital financeiro internacional tiña para as Caixas de Aforros, que non son outras que a súa inmediata privatización.
Dende que o Goberno, ao amparo da necesidade de estruturar o sistema financeiro español, iniciou o proceso de fusión das Caixas de Aforro ou de constitucións dos SIPs, a CIG manifestamos o noso convencemento de que o obxectivo último era a bancarización e privatización das mesmas. O Goberno e o Banco de España ían utilizar recursos públicos (o FROB) para sanear as Caixas, reestruturar plantillas eliminado moitos postos de traballo e finalmente entregarlle estas entidades públicas ao capital privado, un negocio perfecto polo que leva moitos anos suspirando a banca privada, para poder facerse co volume importante de recursos económicos que moven as Caixas, máis do 50% do aforro dos cidadáns e das cidadás. Pois ben, as medidas que vén de anunciar o Goberno confirman plenamente as nosas teses.
Este proceso de privatización das Caixas conta co respaldo total e absoluto, tanto do PP como do PSOE, é das poucas materias nas que hai xa algúns meses se puxeron de acordo Zapatero e Rajoy, actuando ambos os dous partidos como fieis servidores dos intereses da banca española e do capital financeiro internacional. O Goberno español e o gobernador do Banco de España actúan como se estivesen a soldo dese capital financeiro, probabelmente, ademais de por motivacións ideolóxicas, preparando un postiño ben remunerado no futuro, cando deixen os seus cargos institucionais.
No caso concreto de Novacaixagalicia, é solvente e viábel, como demostra a autorización para fusionarse; outra cuestión é que se pretenda utilizar a esixencia de determinados ratios de solvencia como escusa para privatizar a entidade. Por outra banda, as Caixas de Aforros son competencia exclusiva da Comunidade Autónoma, polo tanto o Goberno pretende utilizar a súa capacidade en materia de supervisión para laminar a nosa soberanía económica e o noso autogoberno.
Feita esta avaliación xeral, polo que respecta as medidas concretas anunciadas polo goberno do PSOE queremos precisar o seguinte:
Primeiro: o Goberno pretende eliminar o período transitorio, previsto en Basilea III, que vai do 2013 ao 2019, para incrementar os recursos propios das entidades, un core capital do 8% (ratio de solvencia), que, curiosamente, poderá ser maior nas Caixas de Aforros, forzando así uns prazos que fan imposíbel o cumprimento dos mesmos por parte de ditas entidades. Así mesmo, estableceu un límite para a dependencia de financiamento dos mercados maioristas do 20%.
Esta medida, claramente discriminatoria, supón impor uns ratios de solvencia ás Caixas de Aforros superiores aos do resto das entidades financeiras europeas. A súa finalidade non é pois outra que xustificar e acelerar a privatización das Caixas, sen que teña nada que ver coa actual solvencia e viabilidade dunha fusión que, insistimos, foi aprobada hai mes e medio polo Ministerio de Economía e o Banco de España.
Segundo: se a CIG ten unha posición claramente contraria á privatización, o momento escollido polo Goberno, coa incerteza económica e a volatilidade dos mercados, dificultará a consecución do capital preciso e só pode levar a privatización das Caixas a prezo de saldo.
Terceiro: o Goberno pretende que o Banco de España poda requirir a cada entidade uns ratios de solvencia distintos e o seu incumprimento daría lugar a unha intervención temporal durante un prazo de 5 anos, que iría precedido dunha bancarización previa, despois do cal a entidade sería vendida ao mellor postor, ou ao máis amigo.
Cuarto: máis alá da capitalización e a conversión da Caixa nun banco privado, o Banco de España poderá solicitar en setembro un novo plano de reestruturación que pode implicar novos despedimentos.
Así mesmo, defendemos que en base a Lei Galega de Caixas, a Xunta de Galicia lidere e involucre ao resto das Administracións (Deputacións, Concellos, etc.), co fin de realizar achegas para garantir o cumprimento dos ratios de solvencia impostos polo Goberno Central. Igual que noutro momento da nosa historia houbo institucións galegas que realizaron o esforzo de dotarse de Caixas de Aforros, hoxe é o momento de salvagardar a nosa Caixa apostando por ela as institucións públicas actuais.
A privatización da entidade terá unha repercusión grave sobre a Obra Social: os beneficios que repercutían na sociedade a través desta rematarán agora no peto dos accionistas. Pero Galiza perderá a capacidade de xestionar os aforros dos galegos e galegas para crear riqueza e emprego no País, apoiando aos sectores e empresas estratéxicos para a nosa economía, o que en definitiva lastrará a recuperación económica e o noso futuro.
Como dixemos cando nos manifestamos, o 4 de decembro de 2009, polas rúas de Santiago, a CIG defende a existencia dunha caixa de aforros ao servizo do País, en defensa do emprego, da galeguidade e do carácter público e social das Caixas.
1 comentário:
Eu marcho para a rúa por culpa da dirección, son dos afectados polo ERE. Pero estou para defender a Caixa, deberíades chamarnos para calquera acto ou axuda que precisedes.
Viva a Caixa de Aforros!!
Enviar um comentário