27.9.13

A CIG oponse á venda de novagalicia aos responables da crise

Alan Schwartz testificando en Capitol Hill
Despois do debate no Parlamento Galego sobre o futuro de novagalicia banco e ante a posición adoptada polo Partido Popular, queremos clarificar a posición da CIG, estamos en contra da venda da Entidade a un fondo especulativo dirixido por un dos máximos responsables da crise das subprime, Alan Schwartz.
 

O fondo especulativo Guggeinheim opta a quedarse con novagalicia banco, contando co apoio explícito e directo da Xunta de Galicia. Alegan que a entrada deste fondo garante a estabilidade e o emprego e remata coa incerteza. Mais ala da actuación xeral deste tipo de fondos (mercan barato, reestruturan e tratan de vender caro) a adquisición de novagalicia banco por un fondo simplemente aprazaría a súa futura venda a un banco. Pero ademais tal e como aconteceu coa venda de EVO ao fondo especulativo e fronte a opacidade máis absoluta por parte da Dirección, do FROB e do Goberno español e galego entendemos que é preciso informar de quen dirixe este fondo especulativo. 

O Presidente Executivo de Guggenheim é Alan Schwartz, tal e como ten publicado algún xornal. Alan Schwartz era o CEO de Bear Stearns, o quinto banco de investimentos norteamericano e tivo unha participación fundamental no timo das hipotecas subprime que son a orixe da pavorosa crise económica que aínda vivimos a día de hoxe. A Reserva Federal norteamericana tivo que intervir en Bear Stearns e obrigou a súa venda, sendo adquirido por JPMorgan por 236 millóns de euros (cun desconto do 93%). 

A opción defendida polo Partido Popular supón que un dos máximos responsables da crise financeira das subprime que fixo saltar polos aires a economía mundial, queden co banco nacido das Caixas de Aforros, outorgándolle o dominio sobre o 40% do sistema financeiro galego. Unha bomba de reloxo para a economía galega no seu conxunto. 

Neste senso dende a CIG esiximos a paralización dun proceso de venda que consideramos totalmente viciado e que ademais supón un novo espolio ao erario público. Tanto por que non se recuperaran as axudas inxectadas a NCG Banco por valor de 9.000 millóns, como polas novas axudas públicas que se concederan aos adquirentes sexa a través dun Esquema de Protección de Activos, dos cretos fiscais ou de ambos.

Por último demandamos a transferencia de novagalicia á Xunta de Galicia e a súa conversión nunha Banca Pública e Galega ao servizo da cidadanía e do país.

Sem comentários: