Dirixente
políticos e económicos deste país celebran con aplausos e alborozo a posible
chegada de norteamericanos cargados de dólares, agardando que sexan a táboa de
salvación de Novacaixagalicia unha vez aberto o proceso de privatización.
Estamos ante unha escena propia da famosa película de Berlanga “Bienvenido
Míster Marshall”.
Galiza
perderá nos vindeiros días, si ou si, a súa caixa de aforros, froito dunha
xestión empresarial que o tempo demostrou máis que cuestionable, e do
sucursalismo dun Partido Popular e nomeadamente dun PSOE, incapaces de defender
ao país fronte aos designios de Génova, Ferraz e Wall Street. Estamos ante un
fracaso colectivo, non foron quen de defender o modelo de caixas de aforros, o
maior patrimonio empresarial en man común dos galegos e galegas. Alguén debería
pedirlle explicacións a quen foi belixerante ante o que consideraba unha
entrega da caixa aos “coruñeses”, e acepta con pasividade a entrega aos
americanos. “Son las leyes del mercado”, di agora Abel Caballero. Aquí nin
gañou Vigo , nin gañou A Coruña; perdeu toda Galiza e gañou Wall Street.
Fronte
a esta realidade os responsables da desfeita tratan de agocharse baixo a
“galeguidade” do proxecto de José María Castellano, cabeza visible ou
aglutinador, se así se prefire, dos inversores de Wall Street que se farán co
control de Novacaixagalicia.
Non
podemos admitir que se esgrima que a galeguidade do proxecto está garantida, só
coa simple presenza dunha persoa nacida no país como referente dos
investidores. Aceptar tal argumento, permitiría que no próximo dicionario a
Real Academia Española de Historia catalogue ao réxime totalitario que o Estado
español padeceu durante 40 anos, coma un réxime “galego”, algo que resultaría
totalmente inaceptable.
Malia
os aplausos que tratan de agochar a crueza da realidade, falta por coñecer o
máis importante, o monto do investimento que permitirá aos fondos especulativos
facerse co control da nosa caixa de aforros.
Cando
se aprobou o Decreto de Recapitalización advertíamos que coa actual situación
dos mercados, a capitalización sería moi dificultosa e que as caixas serían
malvendidas a prezo de saldo. Agora haberá que agardar á valoración que realice
o FROB, malia que previamente, as continuas rebaixas nas cualificacións por
parte das Axencias (Standard&Poor, Moody’s ou Fitch), terán contribuído a
rebaixar a valoración. Curiosamente, algúns competidores directos (Santander,
BBVA, Popular ou Sabadell), xunto con fondos de investimentos norteamericanos,
son accionistas das citadas Axencias de Cualificación.
Feijóo
fartouse de dicir durante o debate do proceso de fusión, que a Caixa era de
todos os galegos e galegas. Unha vez rematado o culebrón podemos afirmar que
deixará de ser de todos para ser dalgúns, que de galegos e galegas teñen pouco.
Agardamos
pois que o presidente Feijóo saia a palestra e que, emulando a Don Pablo, o
alcalde de Villar del Río en “Benvido Míster Marshall”, nos diga: “Eu como
Presidente voso que son, débovos unha explicación e esta explicación que vos
debo, vóuvola dar”. Nós a estamos agardando
[Artigo de opinión de Clodo Montero tirado do sitio web ‘Xornal’, do 15 de
xuño de 2011]
Sem comentários:
Enviar um comentário