4.7.13

Estamos á venda: ao completo, ao quilo (de traballador) ou en anacos

Hoxe mantivemos a reunión co Sr. Castellano solicitada colectivamente polos compañeiros e compañeiras de UGAS, para abordar o proceso de venda dese departamento. Como non podía ser doutro xeito, abordouse tamén o futuro da Entidade despois do anuncio de poxa por parte do FROB.

José María Castellano Ríos confirmou que o proceso de venda de Novagalicia Banco está aberto, informándonos que el mesmo e fondos de investimento estranxeiros, mantiveron unha reunión co Ministro de Economía Luis de Guindos para solicitarlle que, unha vez “solucionado” o problema das preferentes e obrigas, procedese á súa venda inmediata. De ser certa esta información, estariamos ante un escándalo político considerable, un Ministro poría a venda un ben público por petición duns fondos estranxeiros. Por parte do actual Presidente de NCG Banco S.A., confirmouse tamén a súa preferencia porque sexa vendida aos “estranxeiros”. Nós, como patriotas galegos, preferimos que unha Entidade na que se inxectaron case 10.000 millóns de recursos públicos, continúe sendo nosa, que sexa un Banco Público e Galego.

Solicitamos ademais que, dado que a venda é inmediata se paralice a aplicación do Plan de Reestruturación (o ERE e as vendas de UGAS e EVO), toda vez que o futuro propietario será quen teña que decidir o futuro. Neste senso, dixo que seguiría cumprindo co seu “deber”.

Dende a CIG solicitamos a súa dimisión, xa que entendemos que a situación é exponencialmente peor dende que chegou, que impulsou o desmantelamento progresivo da empresa, e non tería moito sentido que ante un proceso aberto de venda dun ben público, o xestor do ben público opte por unha ou outra opción de compra. Contestou airadamente atacando a nivel persoal ao noso representante na mesa.

UGAS:

Véndese todo UGAS. Pode que se venda a un único comprador ou por partes a calquera dos 3. Non se venden os activos, véndese a xestión, é dicir: o persoal. Continuarán baixo a estrutura de mando de Novagalicia Banco, e aínda non teñen claro se se continuará traballando nos centros actuais ou noutros. A nosa opinión é que estamos ante unha posible cesión ilegal que vixiaremos estritamente.

Unha vez máis o ERE foi utilizado a xeito de espantavellas: ou iso ou despedimentos. Pensamos que inflaron o ERE para que a xente acepte caladamente calquera barbaridade por medo a ser despedida.

Dixeron que Novagalicia Banco segue os pasos do Santander, que vendeu persoal a Lindorff. Neste senso pedímoslles que, xa que o Plan de Reestruturación aprobado pola Comisión Europea autoriza a contratación de xestores comerciais (si así figura no Plan), que adquiran o compromiso de recolocación futura do persoal de UGAS en caso de que remate o traballo de xestión para as empresas que subcontraran o traballo.

Din que estas empresas tamén están optando a levar a xestión de outras Entidades (Bankia, Catalunyacaixa, etc.), polo que a carga de traballo será maior que a de Novagalicia Banco. Coma se estas Entidades estiveran dispostas a despedir ao seu persoal para que xestione o seu activo o persoal de Novagalicia Banco.

En definitiva, desgraciadamente estamos en venda; por anacos e ao completo. A sociedade pensa que somos uns estafadores por mor da quita, pero é mellor calar baixo a ameaza de despedimentos.
Grazas pola súa labor Sr. Castellano.

Sem comentários: