3.6.13

Sentenza: pediremos rectificación da mesma e estudamos o recurso

Unha vez que recibimos oficialmente a Sentenza da demanda contra o Expediente de Despedimento Colectivo de NCG Banco, e malia que pediremos unha aclaración/rectificación da mesma, podemos realizar unha primeira avaliación, á espera do recurso.
 

En primeiro lugar, solicitaremos unha aclaración/rectificación da Sentenza, xa que entendemos que, con todos os respectos, hai erros na mesma. Por exemplo, o noso sindicato non presentou ningún perito no xuízo, tal e como se afirma nos “feitos probados”. Ademais da rectificación, temos tomada a decisión de recorrela ante o Tribunal Supremo, xa que discrepamos do contido da mesma.

En contra do afirmado, en base as exposicións da empresa, CCOO, UGT e CSICA no xuízo, non houbo negociación no período previo para diminuír o número de afectados/as de 2.508 a 2.250, algo que foi público e notorio (ver comunicado conxunto 16/1/2013 achegado no xuízo). 

O Plan de Reestruturación establece que quedarían 3.334 postos de traballo, así coma a indemnización media de 30 días por ano traballado. Se finalmente se aplica este plan integramente, coma é o caso, significa que non houbo negociación real. 

Entendemos que quedou demostrado que a empresa non facilitou toda a documentación establecida no artigo 51 (algo que por certo alegaron tamén outros sindicatos nos seus preceptivos informes durante o período de consultas). 

Estamos convencidos de que o Plan de Reestruturación, que se implanta a través do ERE, é un auténtico despropósito: destrúe a capacidade produtiva da empresa e á descapitaliza con vendas a prezo de saldo. O obxectivo non é facer viable a empresa, é desmontala. 

Este Expediente de Despedimento Colectivo é lesivo, inclúe medidas que non reduciron o número de despedimentos e amplía o número de afectados/as pola reestruturación a través de traslados inxustos, recortes salariais e de xornada arbitrarios, etc. 

A CIG discrepa da Sentenza, polo que procederemos a recorrela ante o Tribunal Supremo.

Sem comentários: