5.2.13

Comunicado conxunto da CIG-CCOO-UGT

Achégamos comunicado conxunto que foi remitido ao resto dos compañeiros/as da Banca Privada en toda Galiza.



Nestes momentos compañeiros e compañeiras das Entidades estatalizadas están librando a batalla máis dura na historia do sector financeiro. Fronte a intención gobernamental e patronal de reestruturar o sector financeiro a través da aplicación da Reforma Laboral, o persoal das Entidades nacionalizadas, Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia, están sendo a primeira liña de resistencia ante un proceso que ameaza con estenderse a gran parte do sector.
Anteriores procesos de reconversión do sector financeiro foron pactados e negociados, realizándose a través de medidas non traumáticas. Pola contra, estamos ante unha decisión de impoñer medidas máis gravosas para os traballadores e traballadoras e menos custosas para as empresas. Ademais, nestes procesos queren impoñer tamén unha rebaixa dos salarios (en Bankia de ata o 50%), que loxicamente distorsionará a competencia no sector financeiro e servirá de argumento a todas as empresas para tratar de empeorar as nosas condicións laborais.
O Goberno pretende realizar unha reconversión, drástica e traumática escalando o proceso (Banco Gallego, Caja España/Duero, entre outras poden ser os seguintes). Tratan de evitar unha conflitividade xeral no sector que poda obrigalos a negociar. É por iso que parar as intencións patronais e gobernativas semella fundamental.
Hoxe, os traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia defenden os seus postos de traballo, pero tamén os de todos e todas. Os bancos son competidores, os traballadores e traballadoras somos compañeiros e compañeiras.
O vindeiro día 6 de febreiro está convocada unha folga de 24 horas en Novagalicia Banco, Bankia e Banco de Valencia, así como manifestacións. Solicitamos, nomeadamente aos/ás que traballades nas cidades nas que se convocan, que fagades quendas para saír a tomar café, de tal xeito que podades participar os/as máximos posibles dun xeito solidario.
Manifestacións: 6 de febreiro ás 12:00 da mañá
Cidade
Lugar saída
A Coruña
Rúa Nova (OP Novagalicia banco)
Santiago
Praza de Galicia (OP Novagalicia banco)
Ourense
Rúa do Paseo (OP Novagalicia banco)
Lugo
Praza Maior (OP Novagalicia banco)
Pontevedra
Rosalía de Castro (Oficina de Bankia)
Vigo
Rúa Urzáiz (Oficina de Bankia)
Participade solidariamente nas manifestacións convocadas, turnándovos para saír a tomar o café.

Sem comentários: