O luns 22 de outubro mantivemos unha reunión co Presidente da Entidade José María Castellano, o Conselleiro Delegado, Cesar González-Bueno Mayer e o equipo de RRHH. Este comunicado pode ser reiterativo para as persoas que asistiron as nosas asembleas de traballadores/as, xa que a situación que expuxemos nas mesmas é na que estamos, tal e como debullou o Presidente. O noso futuro está en mans da Troika (UE, BCE e FMI) despois da cesión de soberanía por parte do Goberno Central.
- A Troika (UE, BCE, FMI) ten o control sobre o futuro da Entidade, conforme ao MOU. O Goberno e a Dirección van e argumentan, pero non hai negociación.
- A Entidade non será liquidada, pero entramos en Resolución Ordenada conforme ao RD 24/2012 (malia que se resistiu a utilizar a expresión).
- Hai un 90% de posibilidades de seguir a través dunha banca ponte, coa obriga de reestruturarnos durante 3 anos, entrando en fase de reprivatización do 3º ao 5º ano.
- Eles van a Bruxelas a falar exclusivamente de NCG Banco S.A.; o Banco Gallego non entra no paquete.
- A Troika esixe unha reestruturación, din que a cidadanía europea pon o diñeiro para o rescate e que os custes da mesma non poden ser elevados.
- Tal e como dixemos, dentro da Resolución Ordenada é obrigatoria a venda de negocio, de aí a venda de EVO. A Troika impón “achatarrar” o que non se venda.
- Se o comprador de EVO é un banco estranxeiro que non teña SSCC no Estado, permitiría ir a un contrato de servizos e manter o emprego nos nosos SSCC.
- O UGAS xestionara os activos durante 1 ano, prorrogable a 2, a través dun contrato de xestión. O persoal continuará ligado laboralmente a NCG Banco S.A.
- A Entidade presentouse ao concurso informático para a xestión, se gañan son 4 postos de traballo.
- Os fitos que restan son: Aprobación plan de Recapitalización; Traspaso de activos ao Banco Malo; Absorción Perdas e Recapitalización. A posible quita á clientela con débeda subordinada sería despois da recapitalización (o que din que beneficiaría á clientela), e que non hai ningunha quita aprobada.
A proposta da CIG para a Troika, dado que é quen manda, foi:
- Somos unha entidade sistémica na Eurorrexión Galiza/Norte de Portugal.
- Nós insistimos en poñer en valor ante Bruxelas a capacidade de dar servizo a clientela e favorecer a inserción financeira, nomeadamente no rural galego.
- A viabilidade da empresa é posible se non se restrinxe a súa capacidade comercial (que non se pechen máis oficinas, nin se despida a máis persoal).
- No mesmo senso, hai que dar unha saída ao problema da débeda subordinada.
- A concentración bancaria supuxo unha diminución da competencia, manter a entidade favorece a competencia no sector financeiro.
- Se fora preciso calquera proceso de reestruturación debe ser periodificado no tempo (durante os 5 anos) para evitar que sexa traumático, é dicir, que cada ano se poda ofertar aos maiores de 55 a súa posible saída de aquí ata o 2017, para que o proceso sexa "ordenado" tamén laboralmente.
Sem comentários:
Enviar um comentário