6.9.12

Non toca unha nova reestruturación, toca a resolución ordenada



Protesta na Asemblea Xeral que aprobou a fusión
O Real Decreto aprobado polo goberno do Partido Popular establece claramente que estamos ante o que eufemisticamente denominan “resolución ordenada”. A propia publicación dos resultados económicos da empresa neste momento trata de xustificar publicamente a situación que sufriremos en breve.

Por fin coñecemos os termos do mal denominado rescate bancario, un proceso que ten gravísimas repercusións para a empresa na que traballamos e por suposto para os nosos postos de traballo. Só unha das entidades nacionalizadas ten garantido o futuro, Bankia, entidade que consideran sistémica, de aí que teña recibido un “anticipo” do rescate. Para o resto mantense a incerteza.

Din agora que non haberá investidores, que estes non están para sanear a entidade. Nos sempre dixemos que non os había, que estábamos ante unha manobra para eludir responsabilidades políticas por parte do Presidente da Xunta de Galicia despois do fracaso da fusión das Caixas ao mes de nacer novacaixagalicia. Foi daquelas, coa mal chamada fusión, cando se iniciou o que agora ten nome, o proceso de “resolución ordenada”.

No mellor dos casos a empresa será desmantelada, pasando os activos tóxicos para o denominado “banco malo”; o resto dos activos e o pasivo poden pasar á denominada “banca ponte”. Como afectará laboralmente? saberémolo despois das eleccións.

O Real Decreto do PP esquece conscientemente a parte laboral, o futuro das 6.000 persoas que dun xeito ou doutro traballamos para NCG Banco en Galiza.

Haberá que agardar tamén por outra valoración. Si na primeira non tiveron en conta o fondo de comercio, nesta xa se encargaron de reducir o valor deste a través da crise de confianza xerada ao redor da débeda subordinada. Cabe preguntarse porque o Banco de España  autorizou o troco daspreferentes de CCM polo 100% do valor nominal, cando xa estaba intervida e no noso caso permitiron que se desatase unha crise de confianza.

Que facer? Unha vez que coñecemos o Real Decreto e o argumentario remitido pola empresa que fala do posible impacto laboral, temos solicitado maior información á Dirección. Así mesmo a nosa intención é solicitar unha reunión co Ministerio de Economía e coa Xunta de Galicia para poñer por riba da mesa os postos de traballo.

Estamos vivindo momentos difíciles, os peores da nosa historia, pero a nosa obriga é  loitar para manter os postos de traballo. Son mais de 6.000 as familias de toda Galiza as que dependen directamente do futuro que o goberno decida para a empresa. Temos que facernos escoitar, agora ou nunca.

Sem comentários: