29.6.12

Non fixemos mais que reclamar xustiza

Os traballadores e traballadoras vinculados ao Banco, á Caixa, ás empresas auxiliares ou as empresas participadas, estámolo pasando mal; noites en vela, estrés, imos ao traballo medicados/as, somos sinalados/as como culpables polos nosos veciños, veciñas e incluso amizades, e agochamos ás nosas familias os medos e incertezas sobre o futuro. 

Unha parte importante da nosa clientela, os únicos investidores (forzosos) da Entidade, está pasándoo mal sen poder recuperar os seus aforros, colocados en produtos vinculados á solvencia da Entidade. Moitas desas persoas precisan os aforros de toda unha vida para poder subsistir. A nacionalización da Entidade, froito dunha mala xestión, e a desvalorización da mesma, trouxo como consecuencia novos recortes para o persoal, e maior incerteza. Pola contra, os responsables que marcharon para a casa tiveron indemnizacións multimillonarias, e outros pretendían seguir aferrados aos cargos eternamente. 

Que os responsables da mala xestión marchasen para a casa multimillonarios era unha clara inxustiza. A sociedade no seu conxunto está pagando as consecuencias dos rescates bancarios, pasados e futuros, asumindo recortes nas coberturas e servizos sociais. 

Dende que presentamos senllos escritos no Banco de España (que nada fixo) e na Fiscalía Xeral do Estado (que deu traslado a Fiscalía Anticorrupción iniciándose unha investigación que rematou coa presentación da querela na Audiencia Nacional), fomos branco de críticas, incluso públicas por parte da Dirección do Banco e tamén de outros sindicatos. 

Esta mesma semana o Ministro de Guindos anunciaba no Congreso que aquelas Entidades que teñan que acudir ao rescate, deberán afrontar un novo proceso de reestruturación en base ás normas europeas. Tal e como tiñamos advertido dende a CIG, ábrese a posibilidade dun novo ERE inspirado pola Troika (UE, FMI, BCE). Moitos dos traballadores e traballadoras pagaremos o rescate bancario perdendo o posto de traballo. A mala xestión por parte dos directivos de Caixa Galicia e Caixanova (coa complicidade dos respectivos Consellos de Administración) e a desvalorización da Entidade, son a raíz dos problemas actuais. Con todo, a nosa actuación non é unha cuestión de vinganza, senón de Xustiza, que é o que pedimos.

Sem comentários: