Os secretarios xerais da CIG, Suso Seixo e
de ELA, Adolfo Muñoz, “Txiqui”, presentaron esta mañá unha denuncia,
perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo, contra os ex presidentes do
Goberno José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy;
os ex ministros de Economía Rodrigo Rato, Pedro Solbes e Elena Salgado;
os ex gobernadores do Banco de España Jaime Caruana e Miguel Ángel
Fernández Ordóñez e os administradores e xestores das caixas de aforro e
entidades financeiras pola súa responsabilidade na crise, pola súa
xestión e polas graves consecuencias que tiveron as medidas adoptadas
para o conxunto da poboación.
As centrais sindicais CIG e ELA consideran que máis alá das
eventuais responsabilidades dos xestores das entidades financeiras, que
malia ser ‘axudadas’ con diñeiro público teñen un marcado carácter
privado, existe unha regulación financeira estatal nun organismo de
dereito público, o Banco de España, que ten encomendado o labor de
supervisión do sistema financeiro.
Un labor que consideran que
non se exerceu, tal e como ten encomendado, e que “contribuíu a un
evidente deterioro da banca: por unha banda, unha acumulación de activos
que non tiñan o valor que se lles estaba asignando e, pola outra,
débedas con bancos estranxeiros que seguían valendo o que inicialmente
se rexistrou”.
Entenden que o Banco de España, grazas á
información da que dispón, “era coñecedor do que estaba pasando e tiña
todos os elementos necesarios para prever o que ía suceder”. Máis cando,
naquel delicado momento, se realiza a primeira reforma financeira coa
aprobación da lei de caixas, coa que se consegue facer desaparecer a
moitas caixas de aforros e reforzar aos grandes bancos, que serán quen
sigan recibindo as axudas do Estado.
Neste sentido, o secretario o
xeral de ELA, Adolfo Muñoz, Txiqui, lembrou a misiva remitida pola
Asociación de Inspectores do Banco de España ao entón vicepresidente
segundo do Goberno e Ministro de Economía e Facenda, en 2006, advertindo
dos riscos que corría o sistema financeiro e a pasividade tanto do
daquela gobernador como do Ministerio de Economía que “ten unha especial
responsabilidade de velar polo interese público que pode verse afectado
polo exercicio da actividade bancaria”.
Xunto a isto, apuntan ao
Ministerio de Economía e, polo tanto aos ministros de Economía, pola súa
“especial responsabilidade de velar polo interese público que pode
verse afectado polo exercicio da actividade bancaria” e é quen autoriza a
creación de bancos. Sinalan que a xurisprudencia admite, ademais, en
relación a estas licenzas “a posibilidade de modificar o contido da
autorización inicialmente outorgada para mantelo constantemente
adaptado, ao longo da súa vixencia, ás exixencias do interese público”.
Nese
sentido, Txiqui asegurou que, tal e como se recolle na demanda, que “é
claro que a necesidade de inxectar tantos miles de millóns do erario
público para evitar a creba do sistema financeiro trouxo consigo a
redución do benestar de moitos cidadáns e cidadás”, matizando que “non
hai que facer un grande esforzo argumental para ver a relación directa
entre as enormes cantidades de diñeiro público inxectadas á banca e os
non menores recortes aplicados no benestar da inmensa maioría dos
cidadáns”.
Ex presidentes do Goberno
CIG e
ELA consideran que tampouco se pode obviar a responsabilidade que no
nomeamento dos Gobernadores do Banco de España teñen os Presidentes do
Goberno xa que, aínda que formalmente corresponden ao Rei, a elección
resulta, na práctica, do Presidente do Goberno, que é quen propón ao
candidato/a.
Alén diso, engaden que como máximos mandatarios do
Goberno do Estado español, teñen a capacidade de cesar ou, cando menos,
de instar ao cese do Gobernador, Subgobernador ou Conselleiros non natos
do Banco de España, segundo recolle o artigo 25.4.d da Lei de Autonomía
do Banco de España.
“Os Gobernos, cos seus Presidentes á cabeza,
eran sabedores, primeiro, da gravidade da situación e, segundo, de que
non se estaban tomando as medidas axeitadas para evitar que a situación
fora a peor. Asistimos a un empeoramento constante da situación
económica e financeira mentres os Presidentes do Goberno mantiveron e
defenderon a nefasta xestión da crise financeira por parte do Banco de
España”.
Diante desta situación, o secretario xeral da CIG, Suso
Seixo, denunciou a pasividade do sistema xudicial ante os responsábeis
da crise. Unha actitude que atribuíu á dobre vara de medir e o carácter
de clase que ten o aparello do Estado e a propia lexislación. “Actúase
con total dureza ante calquera conflito de carácter laboral e de
reivindicación dos dereitos dos traballadores/as, mentres que os
responsábeis destas políticas económicas, que tan graves consecuencias
tiveron para o conxunto da poboación, non teñen a consideración legal de
ter cometido un delito e, polo tanto, non reciben castigo penal de
ningún tipo polos seus actos”.
Neste sentido citou o caso dos
compañeiros da CIG xulgados este xoves día 7 de xuño, acusados dun
delito de desorde pública e outro de danos, por teren ocupado, xunto co
resto dos traballadores/as as instalacións da Xunta de Galiza durante a
folga de Metal de 2007. A fiscalía pide, por isto cinco anos de cadea.
“É evidente que a repercusión desas accións, do punto de vista do
interese social e económico non é a mesma que a que ten a xestión que
fixeron os gobernos antes e durante a crise”. Porén, lamentou que fronte
a estes últimos “a fiscalía non promove acción penal algunha”.
Denuncia
Avalando
estas afirmacións con toda unha serie de datos, incluídas as
consecuencias dos procesos de fusión das entidades e as inxentes
cantidades recibidas por moitas destas en concepto de axudas públicas,
as organizacións sindicais nacionalistas ELA e CIG consideran que estes
feitos, “sen prexuízo de ulterior cualificación”, revisten presuntamente
as características dos tipos penais de: prevaricación por omisión do
artigo 404 do Código Penal e Delitos societarios dos artigos 290 e ss do
Código penal e, nomeadamente dos artigos 295 e 296.
Subliña que
se deron “graves omisións arbitrarias de resolucións ás que estaban
obrigados polos seus respectivos cargos, tanto os Gobernadores do Banco
de España, Ministros de Economía e os Presidentes do Goberno, en aras a
preservar os intereses económicos e financeiros do conxunto da
poboación” e que “coñecían que coas devanditas omisións provocábanse
situacións absolutamente inxustas para o conxunto da poboación e dos
intereses xerais, cunhas consecuencias colectivas desastrosas e
alarmantes desde os citados puntos de vista económicos e financeiros”.
Podes ver aquí a denuncia no Supremo.
Sem comentários:
Enviar um comentário