![]() |
Directivos blindados e outros que os blindaron |
Cando soubemos que despois da alarma social os ex-directivos tiñan pendentes de pago 33 millóns de euros, que nalgún caso se farían efectivos este mesmo mes (por máis de 8 millóns de euros), a CIG non quedou de brazos cruzados.
Solicitamos abordar esta cuestión nunha reunión entre NCG Banco e a representación sindical, propoñendo un acordo colectivo para reducir ao mínimo legal, 1 euro, os dereitos a percibir polos ex-directivos. Aquela proposta da CIG só tivo o respaldo da CGT e foi desbotada pola Dirección.
Remitimos entón un escrito ao Consello de Administración de NCG Banco, no que están presentes o Banco de España e o Ministerio de Economía, para que se tomasen medidas para evitar o pago.
Puxémonos en contacto co BNG e o parlamentario Henrique Viéitez presentou unha proposición non de lei, que foi aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego (podes ver aquí o debate en comisión), reclamando ao Goberno Central que se tomasen medidas para impedir os novos pagos.
Houbo tamén un acordo no Congreso dos Deputados para incluír na lexislación unha prohibición para evitar este tipo de pagos.
En boa lóxica, e dado que era unha cuestión investigada pola Fiscalía, imaxinamos que quen tiña que pagar tomou todas as precaucións, e de aí que se consultara ao Banco de España, que deu instrucións para non pagar.
Que a día de hoxe se teña evitado un novo pagamento a un ex-directivo por máis de 8 millóns de euros é unha boa nova, e estamos convencidos de que a CIG contribuíu para que isto sexa así. Queremos agradecer tamén ao BNG, nomeadamente a Henrique Viéitez, o seu indispensable apoio.
Por último dende a CIG seguimos esixindo responsabilidades, máis alá destas 4 persoas, entendemos que debería ser investigada a actuación de outros ex-directivos e dos Consellos de Administración de Caixa Galicia e Caixanova, e esiximos a devolución dos cobros anteriores. É unha cuestión de xustiza.
Hai quen pretende que calar é o mellor ante a situación que estamos vivindo, ou quen se esforza en facer ver que non hai nada que facer. A resignación non é unha solución, só quen está disposto a dar as batallas pode gañalas, vivimos unha situación de incerteza pero debemos loitar para gañarnos o futuro, para poder seguir traballando, non hai outra opción.
Sem comentários:
Enviar um comentário