Delegados e delegadas de Novagalicia
Banco, do Banco Gallego (entidade
participada) e das empresas auxiliares (HP, Unicom e CISER)
concentráronse esta
mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en
Compostela, para
demandar unha solución inmediata para NCG, que garanta a viabilidade
futura da
entidade e o mantemento dos 6.000 postos de traballo -directos e
indirectos- que están en xogo. Responsabilizan da devaluación da
entidade tanto á grande banca, como ao presidente da Xunta, e consideran
que esa solución debe vir por manter á entidade como banca pública.
Desde que NCG Banco foi nacionalizada, en setembro do ano pasado,
houbo un proceso progresivo de degradación derivado, segundo o secretario
nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero, “dunha mala xestión”. Isto ten
provocado que a situación da entidade, a día de hoxe, sexa “obxectivamente peor
que hai un ano”.
Manter este impass, coa entidade nacionalizada e á espera do que se
decida, está provocando a súa devaluación. Montero lembra que se hai un ano o
seu valor era, segundo se anunciou publicamente, de 180 millóns de euros, hoxe
estase falando dunha depreciación e que a entidade poida ser subastada por un
euro.
A máis interesada en que isto siga así é, segundo Montero, a grande
banca “por un mero interese lucrativo e porque o que se está conseguindo é que
cada vez a súa devaluación sexa maior”. De feito, sinala que a propia dirección
da entidade acaba de recoñecer que se perderon 2.000 millóns de euros en
depósitos, en beneficio precisamente desa gran banca.
Xunto a isto, hai unha creba de confianza en grande parte da clientela,
provocada pola colocación de produtos complexos, como as participacións
preferentes e obrigas subordinadas, ás que non se lle deu solución e ás que o
secretario nacional de CIG-Banca considera que non se lle vai dar “mentres non
se defina cal vai ser o futuro da entidade”. Por iso, afirma “estamos nunha
situación de emerxencia” e por iso tamén exixe a adopción inmediata de decisións,
“polo ben da clientela e polo ben dos traballadores e traballadoras”.
Responsabilidade do
Presidente da Xunta de Galiza
Alén das ansias lucrativas da grande banca, Montero apunta
directamente ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como co-responsábel
desta dilación, porque foi quen impulsou a fusión “obrigatoria e continuista”,
que se efectivizou o 1 de decembro de 2010 e quen, ao tempo, impulsou a
operación Castellano. Unha operación que cualifica de “temporal e disuasoria” e que tería como único
obxectivo “gañar tempo”.
Neste sentido explica que un mes despois da fusión, en xaneiro de 2011,
o goberno central, presidido aínda por Zapatero, anunciou o decreto de
recapitalización das entidades, que se sabía que forzaba a Novagalicia Banco a
ser nacionalizada. “Tería sido un gran fracaso político para o presidente da
Xunta. Por iso, puxeron en marcha a operación Castellano e por iso intentaron
desviar toda a responsabilidade aos xestores da entidade”.
A CIG-Banca apoiou inicialmente o proceso de fusión. Porén, votou en
contra do proxecto que se estaba a pór en marcha, nas asembleas xerais, ao
entender que o que agochaba era o obxectivo de privatización das caixas de
aforro, como finalmente se constatou. “Polo tanto, hai unha grave responsabilidade
de Feijóo, porque foi o grande impulsor desa operación. Agora é el tamén quen
ten que tomar a iniciativa para solicitar do goberno central unha solución
inmediata”.
O persoal vive esta situación cunha incerteza absoluta, con grande
preocupación e sumido no desánimo. Aseguran que “non somos os malos da xogada”
e demandan “que dunha vez se solucione o problema coa clientela, para
solucionar esa crise de confianza que pode afectar á viabilidade da entidade e
que se garantan os postos de traballo”.
Banca Pública
A CIG-Banca aposta porque esa solución veña pola creación dunha banca
pública. Entende que se hai que inxectar miles de millóns de euros para salvar
bancos privados, “o lóxico é que eses miles de millóns de euros sexan para
nacionalizar as entidades, converténdoas en banca pública”, explica
Montero.
A este respecto, sinala que grande parte do
deficit público vén por unha política fiscal errada, mais tamén porque ao
estado se lle privou dos ingresos das empresas que foron privatizadas. “Se o
sector financeiro é un dos que ten máis capacidade para xerar beneficios en
tempo de bonanza, o lóxico é que entidades como NCG queden en mans do estado
para que, cando se recupere a situación, eses beneficios repercutan na
cidadanía e non vaian parar aos petos dos accionistas ou de especuladores
internacionais”.
Sem comentários:
Enviar um comentário