16.3.12

Recollida sinatura a favor dun referendo.

Os traballadores e as traballadoras de NCG Banco, SA teñen dereito a expresar a súa opinión democraticamente sobre un Acordo que lles afecta. Esa é a nosa posición sindical ante o inicio de consultas polo cal a Dirección quere ratificar o Preacordo o vindeiro día 22 de marzo. Por iso comezamos unha recollida de sinaturas.

O mandato dos delegados e delegadas electos polo persoal de Caixanova venceu o ano pasado, está prorrogado polo acordo do ERE-1. Os que agora queren firmar prorrogaron o seu propio mandato, carecen de lexitimidade democrática para asinar un novo Acordo. Así mesmo a representatividade sindical de Caixa Galicia tamén é cuestionable, hai representantes elixidos en centros de traballo que están pechados.

Ademais, como acontece na maior parte das empresas ante acordos semellantes, os traballadores e traballadoras teñen o dereito a opinar, iso é DEMOCRACIA sindical. Con carácter xeral os sindicatos pedimos a vosa participación en asembleas e concentracións, agora debemos darvos a palabra.

Neste senso, iniciamos unha recollida de sinaturas co fin de que se convoque un referendo, asinar o documento non implica estar a favor ou en contra do acordo, só defender o dereito a participación de todos e todas.

Resulta practicamente imposible chegar a todos e cada un dos centros de traballo, polo que pedimos a vosa implicación, axuda e colaboración.

Para aqueles casos no que non demos chegado, poderedes descargar o documento para asinar, asinade os compañeiros e compañeiras do centro de traballo e que unha vez escaneado remitídeo ao correo: referendoncg@gmail.com.

Sem comentários: