Levamos toda a vida dando o mellor de nós, facendo o noso traballo coa máxima entrega, esforzándonos día a día para facelo o mellor posible, desvivíndonos por unhas entidades que considerabamos nosas, por dar o mellor servizo á clientela, disfrutando cada vez que un cliente novo entraba na oficina. E seguimos dando a cara a cotío nas condicións máis adversas que se poden vivir nunha entidade financeira. Aos/ás que traballamos ninguén pode dicirnos nada, non fixemos nada malo nin reprochable, non temos motivos para ter medo.
Nesta empresa e nesta sociedade, medo deberían telo aqueles que fan as cousas mal, os arruinadores. Non é xusto que eles, os culpables con maiúsculas, estean na casa multi-millonarios escachando coa risa, son eles os que deben dar contas, por iso hai que denuncialos á procura dunha xustiza que se nos nega. Non hai xustiza social.
Pero hai quen pretenden instaurar un réxime de medo como un xeito máis de facer negocio, para quitarlle aos traballadores e traballadoras o seu dereito a vivir dignamente co froito do seu suor e hai quen, para xustificar a súa entrega, contribúe a alimentar eses medos. Iso non ten nada de valentía, valentía é opoñerse as inxustizas, non poñerse de parte delas.
Vaiamos pois á Folga Xeral convocada pola CIG para o día 29 de marzo, exercendo o noso dereito como traballadores e traballadoras. O único activo que queda nesta empresa somos os traballadores e as traballadoras, non permitas que te desvaloricen, que che quiten o valor para cambiarcho por medo.
En contestación ao escrito da empresa, dicir que esta Folga Xeral está legalmente convocada, polo tanto é lícita. Unha parte fundamental da nosa clientela (traballadores/as; desempregados/as; xubilados/as; autónomos/as; pequenos/as comerciantes; estudantes, etc) están afectados/as polas reformas e recortes. O mellor que podemos facer é estar ao seu carón. Por último, dicir que con esta folga reivindicamos o dereito ao traballo, a reforma facilita o despedimento vulnerando ese dereito, como estamos sufrindo na nosa propia empresa.
O 29 de marzo FOLGA XERAL e
Manifestacións convocadas pola CIG
Vigo: ás 12.00 horas dende o cruce da Doblada; Lugo: ás 12.30 horas dende o parque de FRIGSA; A Coruña: ás 12.00 horas dende a Praza de Vigo;Vilagarcía: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar; Compostela: ás 12.30 horas dende a Praza Roxa; Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe; Cee: ás 12.00 horas diante do Concello; Pontevedra: ás 12.00 horas dende a Praza da Ferrería; Foz: ás 19.00 horas na Casa do Concello; Ferrol: ás 13.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG); Xinzo de Limia: ás 11.30 horas na Praza do Concello; Ourense: ás 12.00 horas desde o pavillón dos Remedios;Verín: ás 11:30 horas na Praza do Concello.
Sem comentários:
Enviar um comentário