24.11.11

Unha convención con cheiro a rancio

José Luis Méndez López, ex-Director Xeral de Caixa Galicia, ao que todos e todas desgraciadamente coñecemos, tiña gusto pola convocatoria de Convencións Comerciais cun aire “festivaleiro”, contratando a presentadores/as de televisión. A nova Dirección aposta por un “remake”.

En primeiro lugar a asistencia á I Convención Comercial Novagalicia Banco é voluntaria, coma calquera hora extra, e polo tanto a asistencia non é obrigatoria. Feito que a Dirección esqueceu comentar.

Pasando ao contido da mesma resulta chamativo que se contrate a unha xornalista da TVG, Helena Soto para estar presente na I Convención. Méndez no seu día contratou a Silvia Jato e ao Director do programa “Al filo de lo imposible” Sebastián Álvaro; quizais este último sería o convidado máis acaído na actualidade. Nin aquelas convencións servían para insuflar moral, nin servirá esta.

Entendemos que os novos Directivos estean preocupados polo mal clima laboral da Entidade, agora ben, se consideran que a súa presenza nun escenario é suficiente para mellorala están francamente errados.

É esixible que a nova Dirección tome medidas, pero estas non poden facerse contra o persoal, senón coa complicidade dos traballadores e traballadoras. As ameazas, as decisións opacas, a falta de respecto ás persoas son unha constante, que non se solucionan cunha aparición estelar na pasarela da Convención. Require diálogo, respecto ás formas, a profesionalidade demostrada dos traballadores e traballadoras de Novagalicia Banco, que non somos responsables do mal facer da anterior Dirección. En todo caso quedan responsables da desfeita, pero no alto do organigrama, non por abaixo.

Que abran unha mesa de diálogo e negociación onde se negocien todas e cada unha das graves decisións laborais que se están tomando, a transparencia sempre é boa.

Por certo, e xa que falamos de recortes, canto custa esta convención? Iso non importa, segue pagando o FROB.

Insistimos: a asistencia é voluntaria. Haberá moitas persoas que prefiran quedar coas súas familias ou amizades e aproveitar o fin de semana para descansar cara a dura xornada laboral da semana que vén. Teñen dereito a facelo e, ademais, estarán acertadas. Estas persoas contan con todo o noso respecto, apoio e comprensión.

En todo caso, si que vos pedimos que asistades ás asembleas sindicais. A primeira terá lugar o 29 de novembro no Verbum en Vigo.

Sem comentários: