22.11.11

Respondemos as preguntas sobre traslados, despedimentos e outras ameazas

Pode a Dirección trasladarnos por riba dos 25 quilómetros? Pode forzar cun traslado que nos acollamos “voluntariamente a unha baixa incentivada? Pode a dirección cumprir a súa ameaza de novos despedimentos? Estas son algunhas das preguntas que nos formulou o persoal afectado nas visitas polos SSCC de Vigo. É o momento de contestar preguntas, pero tamén de dar resposta á Dirección.

A semana pasada dirixímonos ao resto de sindicatos de clase para propoñer a convocatoria urxente de asembleas, ante o cariz que están tomando as cousas. Cando escribimos este comunicado aínda non tivemos nin resposta. A CIG non está precisamente cos brazos cruzados e seguiremos adiante en solitario se é preciso.

En segundo lugar queremos dar resposta ás vosas inquedanzas malia que moitas estaban contestadas no documento “25 preguntas sobre o Acordo de Fusión para os que quedan”:

Poden moverme máis alá dos 25 quilómetros do Convenio?

A lexislación prevé que determinadas medidas (despedimentos colectivos, traslados colectivos, etc.) teñan que ser negociadas coa representación sindical. E foron negociadas e aceptadas como eles dixeron polo “81% da representación sindical”, forman parte do Acordo de Fusión e da ampliación do mesmo.

O Acordo de Fusión, no apartado “manifestan”, “punto terceiro” (segunda páxina do documento), di que os asinantes outorgábanlle “naturaleza de acuerdo para los efectos que sean procedentes en función de lo que prevén los artículos 40.2, 41, 47.1 y 51 del Estatuto de los trabajadores”. Calquera pode ver por internet o ET e mirar os artigos, a CIG non inventa nada.

O Artigo 40.2 regula os traslados colectivos. Estes foron aprobados pola representación sindical (agás CIG e CGT) e polo Ministerio de Traballo. Polo tanto as persoas afectadas pola reestruturación da rede de oficinas ou dos SSCC, teñen mobilidade obrigatoria, pactada con CCOO, UGT, CSICA e ASCA.

Poden moverme para forzar unha baixa incentivada?

A ampliación do ERE (por certo asinando a ampliación do ERE asumíase legalmente o primeiro, non entendemos agora as “protestas” dalgún dos asinantes) contempla baixas incentivadas ligadas a mobilidade xeográfica, tal e como advertimos dende a CIG cando o rexeitamos. Incluso prevé que cando se produza unha baixa incentivada ligada a mobilidade, a persoa poda cobrar a indemnización por traslado a maiores.

Sei que serei trasladado pero non teño destino, debo facer algo?

Por suposto, esixe de xeito inmediato por escrito, coñecer o teu destino, a data prevista de incorporación, as distintas alternativas de traslado e como afecta ás condicións laborais. Pon en copia a un delegado/a sindical de confianza, da CIG. Hai prazos legais para que podas defender os teus dereitos e debes telos en conta.

Pode a Dirección da Empresa cumprir a súa ameaza e ir a despedimentos masivos?

Máis alá de tratar de forzar a xente con traslados para que acepte baixas incentivadas, o certo é que novos despedimentos colectivos requirirían unha nova negociación coa representación sindical. En todo caso a aprobación dos anteriores ERE’s (sobre todo a ampliación) abriron unha porta que estaba ben pechada. Unha vez máis, indicar que a CIG non aceptou nin acepta despedimentos, nin traslados masivos.

Se as medidas son legais, pódese facer algo?

Por suposto, primeiro requirir que a Dirección cumpra a lexislación en cada paso, e segundo debemos movernos, que teñan claro que cada abuso terá consecuencias. Ás veces non somos capaces de levantar un muro, pero podemos ser a pedra no zapato que ralentiza a marcha.

2 comentários:

O madalenas disse...

Que saiban os demais sindicatos que as gotas de auga abren a pedra non pola súa forza,senón pola súa constancia.
Ainda que sexamos menos,somos os que estamos e estamos os que somos.

A CIG non se vende disse...

Hoxe os que asinaron a desfeita, estan sentados na Coruña para lavar a cara publicamente diante dos compañeiros/as.

Crearon o problema e sairan publicamente dicindo que estan traballando para solucionalo.

Ao tempo