18.11.11

Aclaracións a algún directivo

Non imos a entrar en polémicas estériles con altos directivos do banco sobre a nosa denuncia ante a Fiscalía, moito menos cando se trata dun asunto xudicializado, pero en todo caso hai cuestións que queremos aclarar.

Quizás á cabeza non lle chegue o descontento xeral da clientela, hai creada unha autentica alarma social por determinados escándalos que rodean ultimamente a nosa antiga empresa (a Caixa) e a actual (o banco). Foron moitos os clientes que entraban pola porta das oficinas, nalgún caso incluso insultando ao persoal, facendo ver o seu malestar e incluso algúns cancelaron as contas.

Nas declaracións públicas debería primar sobre todo o que pensa a clientela en xeral e que espera de nos. Dicir como se dixo, nunha rolda de prensa, que “Les afecta en que no pueden salir a la calle, sus hijos tienen problemas en los colegios, sus familias están afectadas, sus amigos están afectados”, pode parecer que se comprende a situación na que se meteron algúns. Que tremendo erro!!!, iso si que é malo para a nosa imaxe pública.

Quen está sufrindo é a maior parte da sociedade polas consecuencias dunha crise feroz e o medre do desemprego (provocado moitas veces pola falta de financiamento ás empresas); sofre a clientela que fai esforzos inhumanos para pagarnos hipotecas e préstamos; sofre a clientela que está atrapada en determinados produtos; ou están sufrindo clientes de toda a vida que viven baixo a ameaza de ser desafiuzados por impagos ridículos, para escarnio da nosa entidade nos medios de comunicación.

Ademais mentres a sociedade sofre recortes sociais o Estado tivo que gastar inxentes recursos de todos e todas para salvar a nosa empresa. Debémonos mais que nunca a sociedade e a clientela que sempre confiou en nos e da que vivimos, por iso é boa a transparencia.

Si a fiscalía anticorrupción abriu dilixencias en base á denuncia realizada pola CIG non podemos mais que felicitarnos. Aquí ata o Ministro de Xustiza pediu “que se investigue”, pero só nos o fixemos onde había que facelo. Hai unha unanimidade social fronte aos escándalos, por iso pensamos que a sociedade tamén considera que estamos ante unha boa noticia. Poñerse doutro lado é outro erro.

Aos clientes cabreados os traballadores e traballadoras podemos contestarlle agora que nos tamén estamos cabreados e que por iso foron os vosos representantes os únicos que denunciaron. Ao fin os clientes confían en nos, por algo somos utilizados como imaxe pública, malia que despois ameacen con despedirnos.

Por unha vez, agardamos que se recoñeza que estamos acertados, “La verdad es la verdad dígala Agamenón o su porquero” refran que poñemos en Castellano, para que nos entendan.

Sem comentários: