A CIG manifesta o seu total rexeitamento á proposta presentada polos secretarios de CCOO e UGT, en carta dirixida ao Presidente do Goberno español, referida a aceptar un novo acordo de moderación salarial para vindeiros anos, ampliando o período de tres anos que xa contemplaba o Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva aínda vixente. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, considera que con este tipo de propostas “dá a impresión que quen lles está pagando é a CEOE, en vez dos seus afiliados e afiliadas”.
Seixo sinala que esta proposta segue na liña iniciada en 2002, cando se asinou un Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva, onde xa se contemplaba a moderación salarial. Acordo que tivo como consecuencia “unha perda importante de poder adquisitivo dos salarios e unha diminución do seu peso no PIB, mentres se incrementaban as rendas do capital e os beneficios empresariais”.
O secretario xeral da CIG afirma que a moderación salarial non vai favorecer a saída da crise económica, a reverter no tecido produtivo, nin a promover a creación de emprego. “Os acordos de moderación salarial favoreceron o incremento de beneficios empresariais que foron destinados a especular nos mercados financeiros e provocaron a perda de capacidade de consumo dos traballadores/as que se viron abocados a endebedarse para poder acceder a bens e servizos”.
Por iso asegura que “intentar convencernos de que iso é a cambio de que os empresarios renuncien a obter unha certa marxe de beneficios ou que parte deses beneficios sexan investidos en crear emprego é unha total e absoluta falacia” e engade que “é difícil entender que ese tipo de propostas proveñan de dúas organizacións sindicais que parece que se poñen máis do lado do capital que da clase traballadora”.
Seixo entende que a proposta de CCOO e UGT non deixa de ser un reflexo máis da súa concepción do pacto social, que na práctica se concreta en “avalar as políticas neoliberais do goberno e do capital financeiro”, por máis que veñan “adornadas con outro tipo de propostas en materia de política fiscal e de política de vivenda”.
Lembra que no actual acordo, que ten vixencia até o ano 2012, xa se fixaban uns topes de incrementos salariais do 1% para 2010; de entre o 1 e o 2% para 2011 e entre o 1,5 e o 2,5% para 2012. “O ano 2010 pechou cun incremento do IPC do 3%, o que significa que os salarios xa terían perdido 2 puntos no seu poder adquisitivo ao final dese ano e pola dinámica que se segue este ano no que teñen topado os incrementos salariais entre 1 e 2% vai supor unha nova perda dese poder adquisitivo”.
A iso engade que CCOO e UGT dan un “espectáculo penoso”, ao acompañar esta proposta dunha serie de queixas polo atraso na sinatura dos convenios, o que “denota a súa grande debilidade, porque son incapaces de facer cumprir o que pactan coa patronal, que incumpre estes acordos cando lle dá a gana”.
Fronte a isto, subliña que a CIG defende ir “pola vía contraria: fomentar políticas de rendas que favorezan o incremento dos salarios dos traballadores/as para facilitar o consumo e a recuperación da actividade económica xunto cunhas políticas fiscais que graven o capital, a banca, ás grandes fortunas e ás rendas máis altas para favorecer o incremento dos ingresos do Estado e que este teña capacidade para facer investimento produtivo, gasto social e creación de emprego”.
Sem comentários:
Enviar um comentário