Cando o 22 de xuño, á saída da segunda reunión de negociación do Acordo de Traspaso, informamos que se negociaba un ERE, outros sindicatos acusáronnos de mentir e meter medo ao persoal. Nós informamos con rigor do que sucede, é o voso dereito como traballadores/as. Estábase negociando un ERE e agora xa o asinaron. Din que o ERE é unha petición do persoal, xa que logo, que o sometan a un referendo.
En relación á proposta de Acordo, queremos lembrar que cando a empresa puxo por riba da mesa a súa proposta na reunión do 15 de xuño, houbo quen dixo que era positiva; nós dixemos que non incluía unha garantía de emprego, das retribucións e demais condicións laborais de cada quen, nin do Convenio de aplicación.
A CIG viña esixindo como primeira garantía que a Dirección dera cumprimento ao establecido no artigo 44 do Estatuto dos Traballadores, que regula a sucesión de empresas. Previamente á sinatura do “Acordo”, a Dirección comprometeuse por escrito a que NCG Banco SA, se subrogaría todos os dereitos e obrigas co persoal de Novacaixagalicia, e así mesmo, garantíanse as condicións laborais e os acordos vixentes “sin quitar ni poner nada” (sic).
As garantías mínimas estaban, pois, contempladas con carácter previo á sinatura dun Acordo Laboral, esta é unha mera xustificación para recortes e ampliación dun ERE.
Plan de Pensións. Dende a fusión das entidades, había un prazo legal de un ano para proceder a unificar os plans de pensións. O recollido no novo acordo pode ter como fin ampliar ese prazo, considerando que hai un ano para unificar e polo tanto para homologar condicións, dende a entrada no banco. O Acordo non é unha mellora, é maior prazo para a empresa. (Nós preferiamos negociar coa Caixa antes que co futuro Banco por razóns obvias).
Convenio de Aplicación. O Convenio que se aplica nunha empresa vén dado polo denominado “ámbito funcional” do mesmo, polo tanto, haberá que estar ás disposicións no Convenio que substituirá ao das Caixas de Aforros. Por certo, a día de hoxe están negociando a conxelación salarial.
Premio Antigüidade. Garántese que o cobrarán os compañeiros/as que fagan os 25 anos de servizo nos anos 2012, 2013 e 2014. Curiosamente, algúns dos negociadores destacados fan os 25 anos de servizo neses anos, garantiron o diñeiro para eles. Debería ser unha opción universal.
ERE. Estamos ante un acordo que fundamentalmente é a base para un novo Expediente de Regulación de Emprego. As oficinas están en cadro, o persoal facendo horas extras non pagadas día si e día tamén, aínda falta por saír persoal prexubilado e xa hai unha sensación de colapso.
Hai compañeiros/as con anos e anos de servizo, que viron como persoas con só 10 anos na empresa (altos directivos incluídos) marchaban prexubiladas. Agora ven como a única saída proposta son 350 baixas incentivadas e séntense maltratados. Teñen toda a razón.
Hai compañeiros/as con anos e anos de servizo, que viron como persoas con só 10 anos na empresa (altos directivos incluídos) marchaban prexubiladas. Agora ven como a única saída proposta son 350 baixas incentivadas e séntense maltratados. Teñen toda a razón.
Que é unha baixa incentivada? Un despedimento cunha indemnización pactada previamente. Neste caso din que serán voluntarias, pero tal e como indica a empresa, teñen como fin dar unha saída ao persoal afectado por peches de oficinas que non estea de acordo co destino ofrecido. Non hai voluntariedade cando están ligadas a unha mobilidade xeográfica obrigatoria.
Se nalgún sitio a situación laboral é tan insoportable como para que alguén queira marchar, a nosa responsabilidade sindical é loitar para cambiar a situación, non rendernos.
Sem comentários:
Enviar um comentário