Hai moitos xeitos de medir a produtividade: volume de negocio por empregado/a, operacións por empregado/a, ou rateo de persoas por oficina. Pero curiosamente, cando se fala de produtividade, utilizan rateos asociados á rendibilidade.
Coa fusión, a maior parte dos rateos de produtividade incrementaranse: menos persoal atenderá un maior volume de negocio e tamén un maior número de operacións, á par que se reducirá o rateo de persoal por oficina, froito da redución dos SSCC e das prexubilacións.
O nivel do que chaman eficiencia ten que ver co que eramos: unha caixa de aforros. En primeiro lugar, co modelo de rede comercial: tiñamos unha mesta rede de oficinas no rural (Galiza conta cun 50% dos núcleos de poboación do Estado); e por outra parte, coa tipoloxía da clientela. Certamente unha oficina bancaria situada nunha área industrial podía ser máis rendible que unha pequena no rural, pero a caixa era máis eficiente socialmente favorecendo a inclusión financeira de amplos sectores da poboación. Era o que se nos requiría, o motivo fundacional das caixas.
En todo caso, a forte presenza en Galiza é unha vantaxe: o noso país é unha zona esencialmente captadora e con baixos niveis comparados de morosidade.
Se queren falar da eficiencia utilizando rateos relacionados co beneficio, están no seu dereito, pero os traballadores/as e os nosos salarios pouca culpa temos. Hai outros factores, a maiores de ser unha caixa, que debemos ter en conta.
A redución dos beneficios é responsabilidade exclusiva da cúpula directiva, do modelo de xestión, da agresividade comercial na colocación de activo que agora é dubidoso ou fallado, e nos malos investimentos.
É por iso que dende a CIG defendemos que non son precisos recortes, a entidade debe dixerir a crise, pero a saída non pode empeorar as condicións laborais. Pode que non dean vendido a rede, pero o negocio pode marchar igual; outras entidades xa están afiando coitelos e facendo ofertas a moitos bos directores/as, un perigo que semella que a cúpula non ten en conta.
Sem comentários:
Enviar um comentário