8.3.11

A crise non é escusa para avanzar en igualdade

Benvida a minisaia pero non os mini salarios
Novacaixagalicia é, como case todas, unha empresa machista, cunha gran fenda salarial entre homes e mulleres. As diferenzas salariais veñen dadas polas limitacións na carreira profesional, no teito de cristal máis alá do cal, rara vez se nos permite chegar e, polo tanto, nos complementos asociados a cada posto de traballo.

En vindeiras datas deberiamos afrontar negociacións fundamentais para todas as mulleres de Novacaixagalicia, centradas en aspectos que non foron debidamente abordados no Acordo Laboral: carreira profesional, clasificación de oficinas e Plan de Igualdade.

Medidas que propón a CIG para rematar coas diferenzas salariais en Novacaixagalicia

• É preciso dotarnos dunha carreira profesional con criterios obxectivos que permita o ascenso ata nivel VI.

• É precisa unha Clasificación de Oficinas obxectiva e equilibrada, tanto nas categorías ou niveis salariais asociados a cada posto, como nos baremos utilizados para a mesma. As diferenzas entre categorías de oficinas e niveis salariais deben recortarse para camiñar cara a Igualdade. Incluír unha porcentaxe mínima de mulleres para cada un dos postos.

• É preciso rematar coa cultura do presencialismo e a dispoñibilidade á hora dos nomeamentos para calquera posto. Son criterios machistas que nos prexudican na nosa carreira profesional. Non é mellor quen bota máis horas na oficina, senón quen é capaz de organizar o traballo asignado e realizalo perfectamente no mellor tempo posible.

• E por último, é preciso revisar os complementos salariais de posto de traballo. As dificultades que temos as mulleres para acceder a determinados postos agrava as diferenzas salariais entre homes e mulleres.

Son importantes as medidas en materia de conciliación ou de protección ás compañeiras en casos de embarazo, lactación ou acoso. Pero non podemos permitir que o Plan de Igualdade non entre de cheo nas causas que provocan que as mulleres cobremos de media 10.000 euros menos ao ano que os homes.

Compañeira: lembra que o vindeiro domingo 13 de marzo ás 12:00 na Alameda de Santiago de Compostela temos convocada unha manifestación “En defensa do Aforro, do emprego e do País”. Agardamos contar con todas vós e con todos os compañeiros. Está en xogo o futuro da empresa na que traballamos.

Sem comentários: