23.2.11

Reunión coa Dirección.

O pasado luns día 21, todos os sindicatos con representación na Novacaixagalicia estabamos convocados a unha reunión coa Dirección da Entidade, para coñecer de primeira man a situación creada polo Decreto 2/2011 de “reforzamento do sistema financeiro”.

Como non podía ser doutro xeito, e por responsabilidade sindical, a CIG asistiu a esta reunión, á que tamén foi CCOO, por parte da caixa, estaba o Director Xeral Adxunto.

Nesa reunión indicóusenos que o xoves 24 había Consello de Administración e que a Dirección informaría de novo a toda a representación sindical da situación, que como todos e todas sabedes cambia día a día.

A situación de emerxencia que estamos vivindo, obríganos a actuar coa máxima prudencia e responsabilidade e hai que mobilizarse, pero para defender a Caixa, para que a nosa empresa teña presente e futuro.

Co decreto na man, sabemos que o que está en xogo non é só seguir como caixa, senón como empresa.

O decreto establece que non chegar ao 10% de capital, pode implicar a entrada do FROB no accionariado, e a nosa venda posterior en conxunto ou en anacos. Ter futuro vai depender do capital principal que nos permitan que compute, e do que falte para acadar o discriminatorio 10%.

O Goberno Central do PSOE e o Banco de España, dinamitaron a folla de ruta que eles mesmos aprobaron hai tres meses, dificultando gravemente o futuro da nosa empresa. Novacaixagalicia é viable e solvente, estamos ante unha decisión política.

A CIG xa está na rúa, ao igual que outras organizacións. Agardamos confluír nunha mobilización social para defender a Novacaixagalicia: están en xogo a caixa e os nosos postos de traballo.

Sem comentários: